Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 18 de novembro de 2014

Solicitude de información das vindeiras convocatorias de concurso de traslados

En reiteradas ocasións lle temos demandado á Xunta a convocatoria dos concursos consonte ao que marca a lei e o convenio dos concursos de traslados do persoal da Xunta. Nós sostemos que eses concursos son necesarios dado o número de comisións de servizo e adscricións e sostemos tamén que deberan ser permanentes.

En reiteradas ocasións ten comentado tamén o director Xeral da Función Pública a súa intención de implantar estes concursos de traslados permanentes, así como diversos compromisos de convocatoria que nunca chegan. Citamos como exemplo o concurso do persoal laboral do grupo V do que se ía mandar un borrador en outubro, ou o novo concurso de Administración xeral que ía ter lugar inmediatamente resolto o anterior.

Baixo a situación actual de continuos recortes ao persoal da Xunta de Galiza, por riba mesmo do que outro persoal doutras Administracións, o concurso de traslados vólvese a única esperanza obxectiva de mellora profesional e retributiva. Razón esta pola cal, o persoal do noso ámbito de representación demanda información de para cando o vindeiro concurso de traslados.

Entendemos que as compañeiras e compañeiros merecen unha resposta. Entendemos tamén, aínda que non compartimos, que non poidan ter claro unha data exacta de vindeiras convocatorias. O que lle estamos pedindo ao director xeral da Función Pública é, en primeiro lugar, que faga os cambios necesarios para conseguir cumprir a periodicidade de convocatoria que marcan as normas e, subsidiariamente, que lle dea unha resposta ao persoal de cales son as razóns técnicas e organizativas actuais para non facelo así.

Por todo iso, vimos de solicitar formalmente que nos comuniquen cales son as previsións actuais da dirección xeral da Función Pública para as vindeiras convocatorias de concursos de traslados, senón en termos positivos, canto menos en termos de “non antes de”, así como a xustificación para non facelo antes desa data.

Ningún comentario:

Publicar un comentario