Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 19 de novembro de 2014

Funcionarios corruptos?... corruptos si, funcionarios non


O persoal funcionario por definición ten que ser independente e actuar con sometemento á lei. Os nomeamentos discrecionais ou a entrada pola porta de atrás son ferramentas que facilitan a corrupción.

Publicou recentemente o diario El País, na súa edición de Galiza, un novo capítulo da saga Operación Retablo co título El fiscal acusa de cohecho a empresas, curas y funcionarios en la Retablo. Esta operación, a grandes rasgos, é unha operación policial sobre unha trama corrupta na que persoal de responsabilidade do ente público Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo se adicou durante anos a facer trapicheos con propiedades da Igrexa.

A trama consistía principalmente en que un par de xefes deste chiringuito sacaban suculentos beneficios persoais mediante obras de restauración do patrimonio eclesiástico. Nesta trama tamén contaban coa complicidade de varios curas e incluso do bispo de Tui-Vigo ao que non se lle atreve a meter man a fiscalía, aínda que hai unha acusación particular dun colectivo veciñal que insiste na súa imputación.

Un destes xefes segue en activo como xefe da Oficina Técnica de Albergues dentro do Xacobeo, José Manuel Pichel Pichel, autor de frases tan célebres como “Os voy a repartir Galicia y os voy a dar una herencia de puta madre”, frase extraída dos pinchazos telefónicos que a policía efectuou na investigación. O outro implicado xa non traballa na Xunta, Carlos Gómez-Gil, polo que neste caso podémonos aforrar a vergoña de ter un corrupto nun posto de responsabilidade dentro da nosa Administración. Este último está no museo de arqueoloxía subacuática de Cartagena, Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, así se premia a corrupción...

Fraude, suborno, tráfico de influencias, negociacións prohibidas a empregados públicos e exaccións ilegais contra a Administración. De todo isto se lles acusa a estes paxaros que en breve sentarán nun xulgado a dar explicacións. Pero hai unha cuestión que a prensa sinala e que non é certa, di que son funcionarios, pero non, non é certo, non son funcionarios, son persoal dun chiringuito, con poder e que manexa cartos, de acordo, pero non son funcionarios.

A normativa di que son funcionarios de carreira os que, en virtude de nomeamento legal, están vinculados a unha Administración Pública por unha relación estatutaria regulada polo Dereito Administrativo. Disto estes nada de nada, os dous principais encausados entraron por unha porta especial na Administración Autonómica, xa non falemos dos principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

Non é cuestión de acusar a todo o persoal dos chiringuitos de ser corruptos, do mesmo xeito que non todo o persoal funcionario que pasou unha oposición é inmaculado. Pero está ben claro que a esta Administración sempre lle interesou ter este tipo de persoal, sobre todo nos postos de responsabilidade, e non era porque fixeran ben as cousas ou porque fosen xente moi capaz (senón prepararían unha oposición) entraron como entraron porque eran xente de confianza, fillo do alcalde de acolá, sobriño daquel do Opus ou simples militantes do PP, punto pelota.

Non se está a dicir que todo o persoal con responsabilidades nos chiringuitos sexa corrupto en potencia, pero si está claro que a corrupción é máis doada en entes que escapan dos controis que si ten a Administración Xeral da Xunta que sin ser unha marabilla, resulta algo máis garantista, tanto nos procesos selectivos do seu persoal como nos controis financieiros. Normalmente, aquel que entra de xeito clientelar actúa posteriormente do mesmo xeito.

Non se trata de acusar a ninguén, trátase de defender a figura da funcionaria ou funcionario público. Ese que ten un mandato legal de velar polos intereses da cidadanía, de xestionar os cartos públicos e de administralos en función do benestar do pobo. Ese traballador público ao que se denigra publicamente, ao que se lle recorta o soldo como se non merecese o que cobra, ao que se lle amortiza a súa praza e non se lle permite promocionar, ese que molesta, precisamente porque se tivésemos unha Administración Imparcial e Independente este tipo de cousas non pasarían.

Sobran funcionarios? NON, sobra persoal de “confianza” e fan falta traballadores do público que non permitan tramas como estas. Sobran nomeamentos discrecionais, porque a gran maioría teñen un cheiro a servilismo, sobra política corrupta e clientelar e falta vocación de servizo público. Basta xa desa pedagoxía miserable que vomita esa caste gobernante a través dos seus medios de comunicación subvencionados que nos di que o privado funciona mellor… MENTIRA, as tramas de corrupción como a Pokemon xorden precisamente do desmantelamento dos Servizos Públicos.

En definitiva, o persoal funcionario é unha garantía para o cidadán e un obstáculo para a corrupción, no momento en que desvirtuamos a figura do servidor público consolidando entradas pola porta de atrás, con nomeamentos discrecionais, non se pode conservar esa independencia dese traballador que só debe de velar polos intereses da cidadanía, así pasa o que pasa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario