O Comité Intercentros da Xunta de Galiza, perante a grave situación que está a padecer o persoal dos centros da Consellaría de Traballo e de Benestar da Xunta de Galiza, vén de iniciar unha recollida de sinaturas nos seguintes termos (reproducimos o texto íntegro).
Á/a do Presidente da Xunta, á Conselleira de Traballo e Valedor do Pobo:
As persoas asinantes denunciamos a grave situación que se padece nos centros dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar. Estes continuos anos de “crise” provocan o deterioro do servizo asistencial e, a implantación dunha nova política social na que a planificación da atención se orienta unicamente a recortar e reducir co conseguinte deterioro da atención directa (racionamento de cueiros, das cremas de hidratación, das toallas, da calefacción e outros) e a merma do benestar dos/as usuarias (ao converter os centros en almacéns de persoas pola falta de programación de actividades), sosténdose toda esta estrutura asistencial grazas á implicación do persoal que traballa nos centros.
A escaseza de medios materiais (guindastres, baños xeriátricos, sabanas axeitadas...), a ausencia dun planeamento organizativo para o futuro, as estresantes condicións laborais que impiden a conciliación e agravan as posibilidades de accidentes e baixas laborais pola enorme carga de traballo, consecuencia das amortizacións de postos de traballo e a non cobertura de vacacións, incapacidades, permisos, etc.
E así, PEDIMOS:
O MANTEMENTO E PLANIFICACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS
A REPOSICIÓN DAS CONDICIÓNS LABORAIS DO V CONVENIO
A DOTACION ADECUADA DE MEDIOS MATERIAIS
Descarga aquí a folla de sinaturas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario