Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 17 de marzo de 2015

Nova lei de asistencia xurídica e efectos para o persoal da Xunta

Tan só 3 días despois de falar da "autoprovisión" na Asesoría xurídica da Xunta, Medio Ambiente anuncia un contrato de 72.000€ para a redacción de dous textos legais.


Tralo Consello da Xunta do 12 de marzo anunciouse o inicio da tramitación da Lei de ordenación da asistencia xurídica da administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia e do seu sector público. Anúnciana como a terceira norma que vai impulsar a famosa "rexeneración democrática" e non entendemos moi ben de que rexeneración fala máis aló do que resulta evidente: que o persoal e altos cargos paguen a súa defensa se son condeados.

Agora ben, o matiz está no seguinte: se existen "claros indicios" de ter actuado "contra os intereses da Administración" esta defensa pode negarse ou ser revogada. Istes indicios apreciaríanse mediante unha avaliación da propia consellaría e da Asesoría Xurídica Xeral. Por suposto, en caso de condea, habería que rentegrar o custo da defensa xurídica. O peliagudo vén precisamente no primeiro caso, tendo en conta os matices que pode haber nos "indicios" e no de "ir contra a Administración" cando se trate por exemplo dun traballador ou traballadora pública que pretenda denunciar un caso de corrupción e se lle faga a vida imposible.

Xa que logo, esta lei aféctanos de cheo como traballadoras e traballadores do sector público galego na asistencia letrada que recibiremos da Xunta no exercicio dos noso traballo pero tamén organizativamente (RPT de persoal letrado, habilitación para funcións xurídicas doutros corpos e a "autoprovisión"). Está ben enterarse nunha rolda de prensa.

"Autoprovisión" é o concepto hipócrita de moda: é dicir, a idea de non contratar fóra aquilo que se pode prestar con medios propios. En fin, todo o contrario ao que estamos cansos de ver na Xunta todos os días. Que si, que neste caso falaba só da asistencia xurídica aínda que a lei de racionalización faino en sentido amplo. Pero sen saírnos da Asesoría Xurídica da Xunta, podería explicarnos o Presidente, en base a esa "autoprovisión", por que permite que Medio Ambiente subcontrate por 72.000€ a redacción de dous proxectos legais? Non ten un corpo de letrados/as, asesores/as xurídicos e corpos de técnicos/as especializados en materia ambiental?

No puramente organizativo esta lei vai ser a biblia do corpo de letrados para o que se avanza unha relación de postos de traballo (RPT) única; ata o de agora figuraban nas RPTs das diferentes consellarías. Tamén regula a posibilidade de habilitar a determinado persoal funcionario doutros corpos superiores da administración autonómica para que exerzan determinadas funcións de limitada complexidade xurídica, permitindo liberar ao persoal letrado para atender aquelas funcións nas que a súa participación sexa máis esencial

Máis na prensa:

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/23176-xunta-defendera-aos-funcionarios-agas-aos-afectados-corrupcion

http://ccaa.elpais.com/ccaa/2015/03/12/galicia/1426180046_014564.html

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/03/13/xunta-negara-defensa-legal-cargos-imputados-corrupcion/0003_201503G13P3993.htm


Ningún comentario:

Publicar un comentario