A CIG reivindicará emprego e salarios dignos contra a pobreza no Día da Clase Obreira Galega
A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar “emprego e salarios dignos” como único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación. O acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda floral (prevista para as 12.30 horas) aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.
Lugar e hora das mobilizacións
FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.
A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.
COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.
OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.
PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.
VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas
Meses atrás, a Axencia Tributaria (Facenda) daba a coñecer por medio dun informe os ingresos por rendas do traballo dos asalariados e asalariadas no Estado e tamén en Galiza. Os datos desvelan unha situación de precariedade extrema e de pobreza que se instala no mundo do traballo, co perigo de se converter en estrutural e definitivo.
Galiza conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648€/mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200€/mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.
A causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia, está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que presentan o Goberno español e a Xunta.
O Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha forte represión contra os movementos sociais e a modificación de leis como o Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá.
A conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita, especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43 anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos fiscais -tal e como denuncian os inspectores da Facenda-, ten o noso pobo nunha situación crítica de emerxencia.
É preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro, ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna. Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa, que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo. Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega!
Ningún comentario:
Publicar un comentario