Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 2 de marzo de 2015

A Xunta utiliza a promoción interna do seu persoal funcionario con fins eleitorais: convocatoria en marzo si ou si



Convocatoria de promoción interna en marzo e novas prazas no OPE de 2015 pero que non se acumularán a esta que se convocará de xeito inminente.

Na última Mesa Xeral, o director xeral da Función Pública afirmou que en marzo convocará as prazas acumuladas de promoción interna separada de corpos xerais correspondentes ás OPEs de 2009, 2011 e 2012, si ou si, haxa ou non acordo cos sindicatos. En breve remitirá os borradores, que leveban en dique seco desde agosto, sen adiantar se ían incluír algunha modificación desde os últimos.

Olvídase o director xeral que xa non se trata do acordo cos sindicatos, senón que os últimos borradores presentados, dos que non queren moverse nin unha coma, supoñen unha falta de acordo coa práctica maioría do persoal funcionario da Xunta. Non se pode vir despois de 5 anos, 5 duros anos de recortes, con semellante proposta, máis parecida a unhas probas de acceso libre que de promoción interna, co mesmo número de exercicios e preguntando, outra vez, temas xa acreditados. Gustaríanos ver unha migiña da mesma dureza noutros procesos para os cales a coladeira é do tamaño da residencia do Presidente da Xunta en Montepío, que como todas as coladeiras na Xunta, pagámolas toda a cidadanía aínda que só as gozan unhas poucas persoas privilexiadas.

A novidade radica aquí: veñen as eleccións e hai que sacar algo, contentar ao persoal funcionario que cree no mérito e capacidade para promocionar profesionalmente. E iso a pesar de que o que pretenden sacar cabrea máis que contenta. A única boa nova è que centos de compañeiras e compañeiros por fin terán a sensación de non estar tirando cos cartos da nosa minguante nómina nas academias. Así que pode que desta lle deamos credibilidade a que, agora si, van convocar esas prazas pendentes  desde 2009 en marzo de 2015.

Pero non acaban aquí os "agasallos preelectorais": promete este director de Función Pública (que prometer é gratis) máis prazas de promo interna separada na  OPE do 2015 (sobre 108) e promete promo interna separada non só para corpos xerais senón tamén para a escala de Finanzas.  E como guinda ata nos vende a moto de que "estudará" a promo interna directa do C1 ao A1 que recolle o EBEP (a este director gústalle moito estudar por algo chegou a letrado da Xunta).

Promesas a parte, a verdade é que aínda non nos facilitaron os números da OPE 2015 e non sabemos cantas van ser as prazas desagregadas por subgrupos; seica queren agardar a que primeiro se luza o Presidente da Xunta anunciándoo tralo Consello como un signo máis desa milagre que deron en chamar "recuperación económica" da que, como os enchufes na Xunta, só gozan unhas poucas persoas privilexiadas.

O que si deixaron claro é que as prazas que se oferten nesta OPE 2015 non se acumularán á oferta que se convocará en marzo; ou sexa, outra oportunidade máis para xogar polítcamente co noso dereito á promoción profesional cuxa convocatoria a bo seguro gardarán para un pouco antes das eleccións autonómicas do 2016... apostamos?

Ningún comentario:

Publicar un comentario