Anuncia o director xeral que haberá cambios substanciais nos borradores e que se aproximarán ao demandado polos sindicatos. Nas seguintes semanas mandarán os borradores e saberemos a que cambios se refiren.
A convocatoria será, previsiblemente, ao longo do mes de abril.
O bo faise agardar pero cando hai eleccións á vista non tanto, e sobre todo cando poden bailar moito os resultados para o partido no poder. Na Mesa Xeral do 27 de febreiro o director xeral da Función Pública mostrábase disposto a publicar "si ou si" en marzo as convocatorias da promoción interna, houbera ou non "acordo cos sindicatos". Referímonos á promoción interna separada de corpos xerais de persoal funcionario das que existen prazas ofertadas desde o 2009, 2011 e que finalmente se acumularon coas de 2012. No resto de corpos, escalas e categorías profesionais, a promoción interna na Xunta vén sendo aínda máis unha quimera.
Pois ben, na seguinte Mesa Xeral, a do 13 de marzo, vai o mesmo director xeral e asegura que si vai haber cambios substanciais na liña do demandado polos sindicatos (e pola práctica totalidade do persoal funcionario, esqueceu dicir) e que con todo, as convocatorias xa non serán en marzo e serán, previsiblemente, en abril e xa volvemos de novo coa probabilística á Función Pública galega. Ademais, comunica que a EGAP vai elaborar os temarios que servirán de base para estes procesos. Irá desta volta á vencida?
Alegrámonos que vaian entrando en razón e as persoas responsables políticas da Xunta estean formulando unha promoción interna de corpos xerais que sexa realmente unha promoción, na liña das últimas convocatorias, que aquí ninguén está pedindo imposibles. Agora ben, mantemos a cautela e agardamos ver nos vindeiros borradores que van mandar en que se concretan as reivindicacións do persoal funcionario de corpos xerais dunha promoción interna real. De ser unhas convocatorias semellantes aos últimos procesos, merece a pena agardar 1 mes. Agora ben, emprazamos ao director xeral da Función Pública a que cumpra a súa palabra e deixe de burlarse do persoal que ten na promoción interna a súa única esperanza obxectiva de promoción e recuperación do poder adquisitivo perdido.
Por último, demandamos que a EGAP se converta nunha verdadeira escola da Administración Pública e non só debera elaborar os temarios de todos os procesos selectivos da Xunta (en tempo e forma) senón que debera supoñer unha escola onde practicalos e poder formarse o persoal, tamén na promoción interna, de xeito totalmente gratuito, máxime tendo en conta os paus que nos meteron pero sobre todo tendo en conta que é obriga desta Administración por os medios para a nosa formación e promoción profesional, algo co que todo o mundo sae gañando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario