Despois de marear a perdiz durante moito tempo e de traficar coa información sobre os "criterios xerais" e as prazas que ían ofertar, por fin temos dunha peza todo o paquete completo.
No DOG do 10 de marzo publícase o DECRETO 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.
Primeiro chamáronnos para "negociar" os criterios xerais da Oferta de Emprego Público (OEP) para 2015. Negociar vai entre comiñas porque o que en realidade buscaban dos sindicatos é o paripé para sacar unha nota de prensa falando de que multiplicaban por 7 as prazas do ano pasado en Administración Xeral e que si esta é a OEP da recuperación económica e que ben que o fixemos que veñen as eleccións municipais. Xa no seu momento fixemos unha análise crítica desta oferta na que botamos en falta moitas prazas.
Pero é que o grave é que precisamente as prazas que se convocan non sexan obxecto de negociación, nin sequera de consulta. É máis, gardáronas celosamente en segredo ata que o Presidente da Xunta anunciounas tralo Consello da Xunta do 5 de marzo; entendemos que por iso da "exclusividade" ante os medios, que para algo é o Presidente e para algo gasta tanto diñeiro público neles.
O gran sorpresón veu da man da promoción interna de persoal funcionario de corpos xerais que van máis de 100 prazas pola quenda separada. En fin, que esto non quere dicir moito pois aínda están sen convocar as prazas da OEP do 2009, do 2011 e do 2012, da que aínda seguimos agardando ese outro carameliño eleitoral da súa convocatoria que "si ou si" vai(?) ser en marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario