Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 13 de marzo de 2015

"Agora que a crise vai remitindo..." di o director xeral de Función Pública

O xoves, 12 de marzo, tivo lugar unha xuntanza entre o Director Xeral de Función Pública e os sindicatos para tratar a grave situación na que se atopan tanto os centros de Benestar como o persoal que traballa neles. Estamos falando de situacións tan graves que vulneran o recollido no Estatuto dos/as Traballadores/as en canto a incumprimento de descansos de domingos e festivos, a non cobertura de baixas e vacacións, a non negociación de quendas ou a falta de material  ou a situación deste en pésimo estado. 

Todas estas cuestións foron pelexadas con continuas mobilizacións e demandas xudiciais, especialmente desde a CIG Traballo e Benestar da Coruña, e xusto agora, antes da eleccións, deciden sentarse a falar, non sexa que lles estropeemos a campaña eleitoral. 

Agora que a crise vai remitindo vai haber cartos para o que sempre debeu habelos porque mentres "estivemos en crise" os cartos estiveron aí pero para os concertos cos centros privados de Benestar.

"Agora que a crise vai remitindo..." comezou dicindo o director xeral nesta reunión, agora que a crise vai remitidno para quen?, preguntamos nós. "Agora que a crise vai remitindo" fan as cousas que tiñan que ter feito de acordo a lexislación vixente, que houbo que denuncialos no xulgado. Agora que "a crise vai remitindo" van poder comprar cueiros para os nosos maiores nas residencias de asistidos porque cartos para que a conselleira fora paseando de sarao en sarao en coche oficial sempre os houbo. "Agora que a crise vai remitindo" e as eleccións chegando, olvidouse de matizar o director xeral.

Podemos tomar nota destas palabras todo o conxunto de traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza nas nosas múltiples demandas, non só en defensa dos nosos dereitos senón dos servizos públicos que prestamos; é hora de aumentar a presión sobre esta mafia "agora que a crise vai remitindo"... e estamos en ano eleitoral.


Ningún comentario:

Publicar un comentario