Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 28 de novembro de 2014

O noso blogue accesible desde a intranet da Xunta

Hai equipos informáticos na Xunta que non teñen acceso á internet, porén o persoal que os manexa ten o mesmo dereito a recibir información sindical recoñecido pola Lei Orgánica 11/1985, de liberdade sindical.  Tendo en conta os cambios tecnolóxicos, a maioría de información sindical recíbese hoxe en día por medios telemáticos, como por exemplo este blogue que editamos desde o local sindical da CIG en San Caetano (Servizos Centrais da Xunta de Galiza).

Xa que logo, contactamos coa Xefatura Territorial de Sanidade e coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza) para que, canto antes, habilite o acceso vía intranet a este blogue co obxecto de que o persoal que así o desexe poida acceder. O cambio é técnicamente sinxelo e require máis vontade que outra cousa. De non facerse, entenderemos que se está vulnerando a lexislación vixente.

Actualizado 04/12/2014: responde a Xefatura Territorial de Saninade que lle dan traslado á Secretaría Xeral Técnica para "valorar a inclusión" deste blogue na listaxe de ligazóns das organizacións sindicais na intrantet desta consellaría. A AMTEGA non sabe/non contesta.

xoves, 27 de novembro de 2014

La Voz de Galicia fusionarase co DOG

Artigo e imaxe de Tempos Galegos, reproducido coa súa autorización

A nova cabeceira de Santiago Rey será aínda máis oficialista

La voz de Galicia destaca por ser o medio de comunicación máis subvencionado do estado. Cada vez que saen axudas aos medios o xornal coruñés ocupa o primeiro posto no ranking de cantidades dadas a dedo polo executivo de Alberto Núñez Feijoo. Ademais diso, o xornal da Coruña encárgase da maquetación e edición do Diario Oficial de Galicia, traballo polo que tamén recibe un bo pellizco da Xunta de Galicia.

Todo o anterior fixo reflexionar ao executivo galego e ao consello de administración do grupo editorial que anunciarán, nos próximos días, a fusión do DOG e da Voz de Galicia nunha única cabeceira.

O público recibe esta fusión con alegría. O noso medio preguntou a varios lectores a súa opinión sobre a fusión. “Así xa non nos levamos a engano”, comenta un acérrimo lector. Fefa, coruñesa de María Pita, comenta “Tengo miedo, el DOG se edita también en gallego. Solo faltaba que, co nesto, la Voz tuviera alguna palabra en el dialecto ese”.

Xornalistas do medio indicaron que “Éche o que hai! Xa eramos a voz oficiosa de Feijoo, agora seremos tamén a voz oficial”.

A saúde do persoal dos Servizos Centrais impórtalle a Xunta un cogombro

Na xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral a Administración dinos a Administración que nos Servizos Centrais está todo fetén. Na realidade hai un protocolo fronte ao acoso sexual sen desenvolver, avaliacións de riscos psicosociais sen facer, vemos cachotes de fachada que se desprenden, humidades, corredores tapados con arquivadores ou carros da limpeza, saídas de emerxencia non sinalizadas...

Resumo do acontecido no Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia de data 25/11/2014:

Punto 1. Medidas correctoras feitas polas distintas consellarías onde se fixeron recentemente avaliacións de riscos.

Consellería de Cultura e Educación (edificio San Caetano)
Educación di que se amañou todo o que estaba pendente por facer segundo a avaliación e cita especificamente: o cableado que estaba polo chan, o envío da documentación que estaba no corredor ao arquivo e a reparación das luminarias onde faltaban ou tiñan menos luz da que establece a normativa.

Candidatura da CIG ao Comité de Empresa SSCC

O vindeiro día 4 de decembro, o persoal laboral dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza ten a oportunidade de exercer o seu dereito ao voto nas eleccións sindicais.

Agora toca decidir, que Comité de Empresa queres? Un comité que actúe como tal ou un comité que ante calquera problema che propoña que vaias ti a amañar os teus asuntos.

A CIG entende que un comité debe ser a canle das reivindicacións e da defensa dos traballadores e non pode estar integrado por delegados e delegadas que o ven todo "complicado" e que poñen peros a calquera cousa, senón por compañeiros e compañeiras que afrontan os retos e cren que calquera cousa é posible se hai vontade e unidade.

A candidatura que presenta a CIG está conformada, logo dun proceso democrático interno, por unha proposta plural que representa, toda unida, un sindicalismo de clase e combativo, que loita pola defensa dos dereitos dos empregados e empregadas públicas e por uns Servizos Públicos Galegos e de Calidade e con clara vocación de servizo á cidadanía.

mércores, 26 de novembro de 2014

Un corrupto dando leccións de corrupción na EGAP

A EGAP (Escola Galega de Administración Pública) está sembrada: a semana pasada organizando un curso de TRANSPARENCIA e esta semana un curso de CORRUPCIÓN E ÉTICA PÚBLICA nas Administracións, claro. Pois non van e traen como ponente deste curso a unha persoa condenada por corrupción? Como di o refrán "en casa do ferreiro, coitelo de pau" xa que a Xunta non está precisamente para dar leccións nin clases maxistrais de transparencia nin de ética pública.

Ben, pois un dos ponentes do curso vai ser José Luis Barreiro Rivas. Esta persoa, colaboradora habitual do Grupo Voz, fora alto cargo nos anos oitenta e tivera que abandonar o Goberno galego condenado polo Tribunal Supremo a 6 anos de inhabilitación especial por prevaricación nun caso de corrupción moi sonado con relación á lotaría autonómica. Que fráxil é a memoria.

Convocatorias dos concursos de traslados máis próximas?

Informou o director xeral da Función Pública na Mesa Xeral do 21 de novembro que convocaría aos sindicatos a unha reunión sobre: concurso de persoal laboral,  modificación de categorías laborais do V Convenio e concurso de Administración xeral. A xuntanza será antes do 10 de decembro. 

Desde o 1 de abril houbo na Xunta un total de 809 resolucións de comisións de servizo e 308 resolucións de prórroga. Dos datos de resolucións inciciais, un total de 362 foron para postos en Compostela e desas 809 resolucións, 88 foron para niveles 28 e 30. Dos datos de prórrogas, un total de 147 foron para postos en Compostela e 90 destes 362 postos foron niveles 28 e 30.

Ben é certo que neses datos de comisións están todos os postos de persoal funcionario (incluído escalas e Administración especial) se ben a gran maioría son de Administración xeral. Está demostrado, tamén con datos, que despois da resolución de calquera concurso, dispáranse as comisións de servizo, pero é que ademais esto vaise sostendo no tempo a base de renovacións e comisións encadeadas, que chegan mesmo aos niveles 28 e 30 nos que as comisións de servizo deberan ter unha utilización residual tendo en conta o seu sitema de cobertura.

martes, 25 de novembro de 2014

Promoción interna: xa veremos

Colabora ti tamén en desatascar un pouquiño a situación e facer real o noso dereito á promoción interna:

Na Mesa Xeral do 21 de novembro destascáronse un pouquiño máis as convocatorias de promoción interna de corpos xerais. Non está mal despois de 5 anos e 3 acumulación de ofertas de emprego público.

En calquera caso, non foi demasiado xa que é máis ao que din "NON" que ao que din "SI" ou "XA VEREMOS". De momento, hai tempo para o "XA VEREMOS" xa que este mércores, 26 de novembro, hai comisión de Persoal e non vai na convocatoria nin este tema, nin tampouco a modificación da RPT de Cultura. Ou sexa, que están a mirar e seguramente cambiarán algo. O caso é o que, pero tamén o cando.

Oferta de Emprego Público como signo de recuperación económica

O titular non é noso, o titular é da Voz de Galicia, pero estamos de acordo que é o que tenta vender a Xunta. Onte anunciaban publicamente 53 prazas de Administración xeral, hoxe son 300 do Sergas e 400 de Ensino as que poñen enriba da Mesa.

Detrás destes númersos se atopa algo máis que "dispoñibilidade orzamentaria" ou mesmo "oportunidades laborais" xa de por si escasas na nosa terra. O que se esconde tras estes números é que de cada 2 profes que se xubilen, cubriran 1, de cada médico que se xubile, cubrirán 1 e así tamén co resto de postos que entendan de "necesaria cobertura".... nos que curiosamente non están os servizos sociais nin a maioría de traballos que realizamos na Administración xeral.

No que nos toca, temos que dicir que desas 53 xa nos falou o director xeral da Función Púbilca na Mesa Xeral do 21 de novembro, aínda que sen concretar: que si algunha de loita contra a fraude fiscal, que si algunha de persoal veterinario... pero sin detallar de cantas, de que parte de promoción interna, etc. É máis,  no canto de concretar o número de prazas por corpo/escala, informan que no primeiro trimestre do 2015 habería outra Oferta de Emprego Público (OPE) dentros dos límites que permite a actual taxa de resposición.

luns, 24 de novembro de 2014

A Xunta tenta impoñer unhas quendas de traballo que están a convertir os servizos sociais nun foco de explotación laboral


A concentración tivo lugar, durante toda a maña, do venres día 21 de novembro de 2014. O Comité de Empresa de Traballo e Benestar foi convocado pola Xefa Territorial de Traballo e Benestar e polas Direccións dos centros, para volver outra vez a impoñer as mesmas quendas de traballo que foron declaradas non equilibradas e inxustas en fallo xudicial do ano 2013. A representación do persoal rechazou unha vez mais unhas quendas de traballo que están a convertir os servizos sociais nun foco de explotación laboral, donde as baixas por problemas de saúde derivados da sobrecarga física e o estrés laboral son cada vez mais numerosas e resulta imposible a conciliación laboral e familiar ao traballarse, sete e nove días continuados, domingos e festivos seguidos con secuencias de tres a seis domingos ou festivos continuados de traballo.

venres, 21 de novembro de 2014

Chega o aguinaldo para os medios de comunicación

A Xunta publica no DOG o reparto de axudas para medios de comunicación en xeral e para publicacións editadas integramente en galego. O reparto ascende a 1,9 millóns de euros distribuídos entre 38 empresas.


O 14 de marzo publicábase no DOG a convocatoria destas axudas por valor de 1.135.000 €. Nin dous meses despois, unha ampliación de crédito por valor de 540.000 € (o 47% do crédito inicial). En total, 1.675.000 € para este ano, mentres que o ano pasado foron destinados 1.550.000 €. Esta ampliación foi polémica de por si pois chegou en plena campaña das eleccións ao Parlamento Europeo.

Nótase a recuperación económica, aínda que como vemos, unhas persoas o notan máis cedo que outras, mentres nos, como a maioría da cidadanía, seguimos recortados e temos que ver noticias como estas. É vergonzoso que nunha política que din de "asuteridade", primen gastos como estes, vergonzoso e hipócrita. Austeridade si, pero para os servizos públicos; para a casta non hai austeridade.

Non estamos decindo que todos os medios subvencionados estean comprados con estes cartos, pero está claro que o Goberno gusta ter o seu favor e demostrado esta que o ten demasiado a miudo, salvo casos fragantes. Resulta tamén chamativo a cantidade de axudas que reciben certos medios, a pesar dos despidos, ou a abraiante diferencia de subvención entre os medios que escriben en castelán ou íntegramente en galego (ata 9 veces).

Calendario laboral 2015

Recentemente publicou o DOG os festivos locais galegos para o ano 2015, deste xeito xa podemos pechar o noso calendario formato A4 "feito na casa" e ofrecercho para descargar. 

Neste calendario tedes os festivos galegos e máis os do concello de Santiago  que son os que afectan aos sevizos centrais da Xunta de Galiza. Este ano caen en festivos o 14 de maio, xoves (Ascensión) e 24 de xuño, mércores (San Xoán).

Porén, no noso local temos tamén calendarios só coas festas do país, coma sempre, en dous formatos: de mesa (de facer papiroflexia) e de peto (autocolante).

Ademais, podes visitar a seguinte páxina, onde tes os festivos do resto do estado e de todas as comunidades.

25N: día internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Triste día para conmemorar o que non debemos consentir que siga existindo: a violencia machista. É necesario investir en educación, igualdade e, por suposto, plans de protección e promoción da muller. Ou o que é o mesmo, é necesario poñer o acento na orixe dos comportamentos agresivos.

Facemos un chamamento a participar nos actos convocados polo movemento feminista na tarde do día 25, e nas mobilizacións da nosa central sindical que terán lugar nas sete comarcas, os días 24 e 25 de novembro, en repulsa á violencia machista:
 

A Coruña: ás 12 horas do día 25 diante da Confederación de Empresari@s, en Monelos

Ferrol: ás 12 horas do día 25diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza

Compostela: ás 12 horas do día 25, diante do Gadis da Rúa Nova de Abaixo (ao carón da praza de Vigo), en resposta ao acoso laboral contra unha traballadora logo de exercer o seu dereito á reducir á súa xornada de traballo por garda legal dun fillo con diversidade funcional.

Pontevedra: ás 12 horas do día 25, na Praza 8 de Marzo

Ourense: ás 12 horas do día 25, diante do local sindical

Lugo: ás 11:30 horas do día 25, diante do edificio administrativo da Xunta, na Ronda da Muralla,

Vigo: ás 19 horas no Marco, o día 24 de novembro, coincidindo co peche do curso de Empoderamento.

ERRADIQUEMOS A CULTURA DA VIOLENCIA MACHISTA!
25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

xoves, 20 de novembro de 2014

Sra. conselleira de Traballo e Benestar, menos bolsos e máis persoal


O dos bolsos fai referencia aos agasallos apuntados nos papeis de Gerardo Crespo para repartir a cargos e algúns funcionarios de Traballo.

A CIG de Traballo e Benestar da Coruña leva tempo denunciando as condicións laborais abusivas da consellaría sobre o seu persoal que traballa a quendas en residencias de anciáns, menores e persoas discapacitadas. Malamente se cubren vacacións e baixas e cada vez teñen que facer máis con menos recursos. Mentres os recursos para as residencias públicas cada día están máis recortados, para as residencias privadas continúa o negocio e os convenios.

Paga extra: ti tamén podes fabricar o teu propio billete de 200€



200€, este é o aguinaldo bruto promedio que nos vai dar Feijóo ás traballadoras e traballadores públicos galegos en xaneiro do 2015. Un aguinaldo feito cos nosos propios cartos da paga extra secuestrada aló por decembro de 2012 e aínda por riba a metade do que consonte á Xustiza nos tiña que devolver de todo o que nos roubaron. A metade tamén do que lles van devolver ou xa lles devolveron na maioría do resto de Administracións.


Un billete falso como falso é o que aparece nel: se estamos mellor que calquera outra Administración porque non nos paga todo o que nos debe? Non todos durmimos de balde en Monte Pío, algúns de nós temos fillos e dependentes, algúns de nós ata temos que pagar a casa na que vivimos, a luz que consumimos que non para de subir, o coche ou o bus no que vimos traballar…

Descarga o seguinte cartaz, imprime a dobre cara e recorta os 3 billetes de 200€

Promoción interna: publicación inminente dos borradores tal e como están?

A promoción interna é un dereito do persoal funcionario consonte ao artigo 14 do EBEP e a súa promoción un deber do Goberno da Xunta consonte ao artigo 13.12 da LFPG
Tras varios meses de parón, convocou o director xeral da Función Pública unha Mesa Xeral para este venres, 21 de novembro, a que leva os borradores de agosto da promoción interna de corpos xerais. Despois do último plantón e da postura unánime do persoal funcionario poderían ter reflexionado e mudado algo realmente substancial trala presentación das alegacións. Porén, observamos que non, que os borradores son exactamente os mesmos que os últimos, nos que o único cambio que fixeron na fase de oposición, con respecto aos primeiros, é engadir un tema máis relativo a lexislación sobre os dereitos das persoas con discapacidades.

Gustaríanos que na Mesa Xeral do venres o director xeral negociase realmente e cambiase algo para que a fase de oposición fose realmente de promoción interna tal e como lle brinda a normativa: con redución de exercicios e temario respecto ao de libre. Unha redución que non só é algo lóxico tendo en conta que o persoal que está dentro xa demostrou obxectivamente uns coñecementos para estar aí, senón que é algo legalmente recoñecido.

En todo caso, a pesar de que o dereito a promción profesional é noso, a potestade de cando e como sacar as convocatorias é do seu departamento. Non entendemos ese cambio de criterio de facer unha promoción interna pedíndolle ao persoal funcionario que demostre o que xa demostrou no pasado mentres coa integración do persoal dos chiringuitos nin sequera se fai proba algunha

mércores, 19 de novembro de 2014

Carta aberta dun traballador público resignado

Dende xullo de 2005 traballo como tradutor intérprete da Administración de xustiza, tras aprobar unhas oposicións en que só había tres prazas de acceso libre. Primeiro en Ourense (9 meses), despois en Lugo (7 anos) e agora en Pontevedra (ano e medio). En todo ese tempo, mentres tanto, eu vivía en Pontevedra, é dicir, desprazábame no meu coche e, por suposto, corría eu cos gastos. Ano a ano ía vendo como o soldo minguaba porque había que "sacrificarse" para que, en definitiva, os ricos vivisen mellor. Así de claro. A todo isto tiña que aturar como a xente se alegraba de que se lles recortase o salario e os dereitos aos funcionarios porque, evidentemente, nós tiñamos a vida solucionada. E eu pensaba entón ¡estudárades, ostias! ¿que culpa teño eu de ter aprobado unha oposición? E vías logo na estrada como moito niñato con menos luces ca un cempés, ou o engominado de turno, te adiantaba co seu audi a toda ostia porque, ¡carallo!, se lo podía permitir, cobraba mil veces máis ca ti. Claro, cando viñeron mal dadas xa estabamos nós aquí, os putos pringaos, coa súa nómina mensual, para apandar coa desfeita feita, precisamente, polos que agora seguen aínda a vivir mellor. ¿Que broma é esta?  

Os 200€ do aguinaldo de Feijóo



Tralo Consello da Xunta do xoves, 13 de novembro, Feijóo anunciaba o que xa adiantábamos nos que sucedería ese mesmo día: a devolución de 1/8 da paga extra de Nadal de 2012. Anunciou que “imos ver se tecnicamente somos capaces” e por outra banda, que a devolución do outro 12,5%, no 2016, dependerá da situación Orzamentaria.

En total representa a metade do que a Xustiza lle obriga a devolver xa que recortara a totalidade desa paga extra cando o dereito estaba xa consolidado por valor de 44 días, ou sexa por valor dun 25%. En total representa tamén a metade do que na maioría de Administracións, incluíndo a do Estado, xa devolveron ou van devolver en xaneiro de 2015. 

Coma sempre a nosa Comunidade no furgón de cola, excepto para o cumprimento do déficit, que iso debe ser para o único que imos en cabeza, en parte, grazas a recortar aos seus traballadores e traballadoras públicas máis ca os do resto de Administracións.

A devolución do que é dun nunca é unha boa nova. Se primeiro che rouban un 100% e logo che devolven 2 anos máis tarde, como se che fixeran un favor, o 12,5%, iso é unha tomadura de pelo. Se che rouban primeiro, para que sexa unha boa nova, deberíanche de devolvelo todo (xa non falemos dos xuros) e mesmo que alguén se faga responsable, canto menos da parte que a Xustiza recoñece que nos roubaron. Se non, parece que ás traballadoras e traballadores públicos se nos pode atracar impunemente para financiar non sabemos moi ben o qué pois a desigualdade e a pobreza sigue aumentando no noso país.

Funcionarios corruptos?... corruptos si, funcionarios non


O persoal funcionario por definición ten que ser independente e actuar con sometemento á lei. Os nomeamentos discrecionais ou a entrada pola porta de atrás son ferramentas que facilitan a corrupción.

Publicou recentemente o diario El País, na súa edición de Galiza, un novo capítulo da saga Operación Retablo co título El fiscal acusa de cohecho a empresas, curas y funcionarios en la Retablo. Esta operación, a grandes rasgos, é unha operación policial sobre unha trama corrupta na que persoal de responsabilidade do ente público Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo se adicou durante anos a facer trapicheos con propiedades da Igrexa.

A trama consistía principalmente en que un par de xefes deste chiringuito sacaban suculentos beneficios persoais mediante obras de restauración do patrimonio eclesiástico. Nesta trama tamén contaban coa complicidade de varios curas e incluso do bispo de Tui-Vigo ao que non se lle atreve a meter man a fiscalía, aínda que hai unha acusación particular dun colectivo veciñal que insiste na súa imputación.

Un destes xefes segue en activo como xefe da Oficina Técnica de Albergues dentro do Xacobeo, José Manuel Pichel Pichel, autor de frases tan célebres como “Os voy a repartir Galicia y os voy a dar una herencia de puta madre”, frase extraída dos pinchazos telefónicos que a policía efectuou na investigación. O outro implicado xa non traballa na Xunta, Carlos Gómez-Gil, polo que neste caso podémonos aforrar a vergoña de ter un corrupto nun posto de responsabilidade dentro da nosa Administración. Este último está no museo de arqueoloxía subacuática de Cartagena, Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, así se premia a corrupción...

martes, 18 de novembro de 2014

Solicitude de información das vindeiras convocatorias de concurso de traslados

En reiteradas ocasións lle temos demandado á Xunta a convocatoria dos concursos consonte ao que marca a lei e o convenio dos concursos de traslados do persoal da Xunta. Nós sostemos que eses concursos son necesarios dado o número de comisións de servizo e adscricións e sostemos tamén que deberan ser permanentes.

En reiteradas ocasións ten comentado tamén o director Xeral da Función Pública a súa intención de implantar estes concursos de traslados permanentes, así como diversos compromisos de convocatoria que nunca chegan. Citamos como exemplo o concurso do persoal laboral do grupo V do que se ía mandar un borrador en outubro, ou o novo concurso de Administración xeral que ía ter lugar inmediatamente resolto o anterior.

Baixo a situación actual de continuos recortes ao persoal da Xunta de Galiza, por riba mesmo do que outro persoal doutras Administracións, o concurso de traslados vólvese a única esperanza obxectiva de mellora profesional e retributiva. Razón esta pola cal, o persoal do noso ámbito de representación demanda información de para cando o vindeiro concurso de traslados.

Entendemos que as compañeiras e compañeiros merecen unha resposta. Entendemos tamén, aínda que non compartimos, que non poidan ter claro unha data exacta de vindeiras convocatorias. O que lle estamos pedindo ao director xeral da Función Pública é, en primeiro lugar, que faga os cambios necesarios para conseguir cumprir a periodicidade de convocatoria que marcan as normas e, subsidiariamente, que lle dea unha resposta ao persoal de cales son as razóns técnicas e organizativas actuais para non facelo así.

Por todo iso, vimos de solicitar formalmente que nos comuniquen cales son as previsións actuais da dirección xeral da Función Pública para as vindeiras convocatorias de concursos de traslados, senón en termos positivos, canto menos en termos de “non antes de”, así como a xustificación para non facelo antes desa data.

Para cando a promoción interna?: interpelación directa ao director de Función Pública

Vimos de reclamarlle por escrito ao director xeral da Función Pública que se pronuncie sobre cales son as súas intencións coa promoción interna.

En xullo deste ano remitiu o director xeral da Función Pública os borradores das convocatorias das ofertas de emprego acumuladas para a promoción interna de corpos xerais. Tras isto, houbo unha primeira reunión, período de alegacións e unha segunda reunión onde as persoas representantes das catro organización sindicais se levantaron da mesa pola falta de vontade, por parte da Administración, de facer cambios nos puntos importantes. 

En setembro a CIG, tratando de desatascar o proceso, solicitou por escrito retomar as negociacións. En outubro, e nunha das mesas de negociación o director comentou a posibilidade de volver a convocar ás organizacións sindicais.

É unánime a opinión do persoal funcionario de corpos xerais dos servizos centrais que ve igualmente inxusta a 2ª proposta de borrador que achegou o director, máxime despois de 5 anos sen convocar. Porén, tamén hai moitas e moitos compañeiros, que a pesar desta inxustiza, están a gastar tempo e diñeiro na súa preparación, sen saber moi ben como vai quedar a cando se vai realizar esta convocatoria. 

luns, 17 de novembro de 2014

Así mantén a Xunta os centros públicos de atención a persoas discapacitadas


Fai pouco foi o lamentable estado residencia de Caranza (Ferrol) a que saía nos medios por denuncia da CIG, da que se fixeron eco varios grupos políticos, dunhas reformas que non daban chegado. Agora son as compañeiras e compañeiros do CAPD da Coruña quenes nos avisan do desmoronamento da rampa de acceso ao centro, unha metáfora do que está a suceder coa xestión que fai a Xunta dos centros públicos de servizos sociais.

A Cultura amortízase na Xunta


Vimos de coñecer hai uns días a intención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de proceder a amortización de dezaséis prazas vacantes do seu actual cadro de personal. Ditas amortizacións están baseadas na famosa e archiconocida Lei de orzamentos de 2013 (mellor chamada lei de amortizacións), polo que todas as prazas vacantes deben ser amortizadas.

Neste contexto a área de Cultura tocoulle aforrar 1.000.000 de euros en personal; e xa nunha primeira fase a principios de ano cargouse 28 prazas, e agora nunha segunda fase tócale ás 16 seguintes.

Chama poderosamente a atención que o noso boss-presidente señor Feijoo ande cacarexando que todo está a mellorar e que xa saímos da crise e por outro lado siga a apretar o cinturón da Administración, cargándose prazas que teñen un traballo asignado.

Pese a que as prazas se volatilizan o traballo non desaparece, segue ahí, ao non haber personal propio, xa sabemos o que pasa…. contratacións alleas, sentenzas de indefinición, malgasto no capítulo 6.

Arquivos, Museos e Bibliotecas: os máis machacados

Tamén é curioso que todas as futuras amortizacións se concentren nos centros que dan un servizo cultural externo (arquivos, museos e bibliotecas), centros que por un lado levan anos e anos cunha escasez gravísima de medios persoais e materiais,  e que merced a o esforzo das súas  traballadoras e traballadores van sacando o traballo para adiante, e que son agora premiados con estes recortes (será que son pouco protestóns...).

venres, 14 de novembro de 2014

Vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais

Achegamos a proposta que nos remite a Xunta para a reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais por se alguén quere facer algunha alegación ou propor algo máis.

A convocatoria está prevista para o martes 25 de novembro (ás 10:00) e a proposta de puntos para orde do día que existe actualmente é a seguinte:

1) Avaliacións de riscos que foron tratadas nas últimas reunións do Comité de Seguridade e Saúde de Servizos Centrais para engadir na orde do día:

xoves, 13 de novembro de 2014

Montoro devolverá en xaneiro de 2015 o 25% da paga extra de Nadal do 2012... e na Xunta?

Onte anunciou Montoro ás organizacións sindicais que este venres, 14 de novembro, van aprobar no Consello de Ministros a devolución do 25% da paga extra de Nadal do 2012. Esta devolución farase efectiva no mes de xaneiro.

Este 25% recordamos que é o recorte na extra que a Xustiza recoñecía como recorte ilegal xa que se fixo con carácter retroactivo. O Real Decreto entrou en vigor o 15 de xullo, pero xa levabamos xerado o dereito desde o 1 de xuño; así pois corresponde a 44 días de paga extra. O atraco era tan evidente que ata os xuíces máis conservadores fallaban en contra do Goberno.

A ninguén se lle escapa que esta devolución, neste preciso intre, ten que ver cun guiño de cara ás próximas citas electorais.  Pero ollo, porque este detalliño será só para as traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral do Estado, no resto de Administracións "dependerá da súa situación de déficit". 

mércores, 12 de novembro de 2014

Taxa de reposición 0: unha xubilación, unha amortización de posto público

Recentemente nos achegaron unha proposta de modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) da EGAP (Escola Galega de Administracións Públicas) que consistía na amortización dun posto por xubilación da persoa titular. Una proposta sinxela desde o punto de vista técnico pero que resulta un exemplo da consecuencia dunha taxa de resposición 0, que a súa vez é a causa das privatizacións.

Tal e como está agora mesmo a taxa de reposición limitada a 0 en Administración xeral*, implica que cada xubilación leve a non cubrir postos por valor do que custaba o da persoa que se xubilou. Outra cousa moi distinta é que a Administración aproveite, xa que esta vacante, para eliminalo.

Por outra banda, tampouco quere dicir necesariamente que se teña que amortizar ese posto, aínda que a tendencia é a amortizar postos base ou de oficios. Tendo en conta o envellecemento do cadro de persoal da nosa Administración, a perspectiva é realmente nefasta para os servizos públicos pero moi atrativa para as empresas que viven das privatizacións, porque alguén vai ter que facer ese traballo.

De feito, nos recentes informes que remite o Estado español a Bruxelas, informa que a capacidade de axuste do cadro de persoal público está esgotándose xa que comeza a perigar o que eles entenden como "servizos públicos esenciais". Respecto ao cadro de persoal público, no Estado español temos 4 veces menos que os países nórdicos pero tamén temos moitísimos máis casos de corrupción, unha consecuencia lóxica do anterior, por outra parte.

*Nos proxectos de  Orzamentos do Estado e máis da Xunta a taxa de reposición volve a ser cero salvo en determinados sectores (sanidade, educación, prevención incendios, loita contra a fraude fiscal...) que o soben ata o 50%. Chama a atención que deixan fóra os servizos sociais como prioritarios e inclúen as “prazas de asesoramento xurídico e para a xestión dos recursos públicos." como servizos públicos esenciais...



martes, 11 de novembro de 2014

Non son unhas mazás podres, é o cesto que contén as mazás o que está podre

Contra os manexos dun político corrupto ou os desastres dun incompetente a mellor defensa non son os xuíces: son os empregados públicos que están capacitados para facer ben o seu traballo e dispoñen dos medios para levalo a cabo, que teñen garantida a súa independencia e polo tanto non han de someterse por conveniencia ou por obriga aos designios do que manda. A corrupción e o mérito (diario El País)

Levamos un outono negro en canto a casos de corrupción que veñen a poñerlle a enésima guinda a un pastel que parece non ter fin en canto a "tramas organizadas" se refire. Desta volta, non só no noso país, senón na nosa Administración, non quedamos alleos coa Operación Zeta, da que o seu principal imputando está cantando coma un canario. 

O círculo desta trama corrupta dos cursos de formación estaba apertándose tanto sobre o propio Feijóo que decidiu acender o ventilador e esparexer a merda ao máis puro estilo do "todos rouban". De repente, apareceron, sobre todo na Voz, diversas notas citando nomes e apelidos de determinado persoal funcionario que ocupaba xefaturas de servizo e que tramitara contratos ou subvencións de empresas da trama. De repente,  publicase tamén un informe o Consello de Contas do 2010 (non se deron moita presa) no que se fala de irregularidades (non delitos) nos cursos de formación que toca a todo tipo de entidades (fundacións, empresas, sindicatos...).
 No que respecta ao persoal funcionario imputado cómpre respectar a presunción de inocencia (mentres a Voz publicaba nomes e apelidos de persoal funcionario, puña as iniciais de traballadoras do grupo de Gerardo Crespo). Hai que recordar que este persoal, a pesar de ser de libre designación política, é persoal funcionario e debe someterse a lei; se se demostra que fixeron algo ilícito e recibiron agasallos a cambio teñen que pagar pos iso. Agora ben, resulta un tanto difícil de crer que nesta trama organizada que afecta a varias consellarías, cargos intermedios actúen de xeito aillado, sen "control" político, máis tendo en conta que quen aparecía nas fotos con Crespo era Feijóo, con quen tiña relación Crespo era cos xerifaltes do partido, a través do famoso conseguidor Pachi Lucas, e a quen probou a policía que Gerardo Crespo lle transferiu cartos en negro foi ao PP.

A privatización do AMTEGA e a pasta que hai polo medio para repartir entre as empresas

Comunica a AMTEGA (Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza) que en breve haberá unha nova xuntanza co tema da súa RPT (relación de postos de traballo). A AMTEGA é un macrochiringuito que xestiona todo o que ten que ver coa informática e as telecomunicacións na Xunta e no que cada vez queda menos persoal funcionario e hai máis persoal de empresas dentro, persoal directivo das cales, leva unhas boas talladas.

Despois de varios anos en marcha, e tras o concurso de informática resolto en marzo deste ano, puxeron en riba da mesa unha proposta de cadro de persoal que abonda na privatización dos servizos informáticos na Xunta: máis persoal de dirección e menos currelas. A amortización de postos chega a tal punto que mesmo se cargan postos ocupados, ou sexa que son necesarios. E non é que o digamos nós, senón os continuos contratos de AMTEGA de asistencias técnicas para subcontratar traballos "porque non hai suficiente persoal propio".

O modelo de Administración para os servizos informáticos é un paradigma do que deseña este Goberno da Xunta: a desprofesionalización total da Administración e a aposta pola privatización dos servizos públicos e as subcontratas para realizar o traballo do persoal propio. Na situación actual, custa pouco darse conta de que non é unha cuestión ideolóxica, nin de eficiencia ou racionalización, senón simplemente de control político da Administración, de sembrar un campo de cultivo para as súas corruptelas. E é que se moven moitos millóns de euros entre tanto contrato informático.

luns, 10 de novembro de 2014

Protocolo fronte ao acoso laboral e discriminación na Xunta

O acoso laboral comezou a prestárselle a debida atención a partir das leis de igualdade no ano 2004. Nestas leis impulsábanse este tipo de protocolos pero tardaron en implementearse. 

Na Xunta, levamos desde o 2011 pelexando por este tema e solicitando que aplicaran subsidiariamente, mentres non existira un propio, o da Administración Xeral do Estado  Despois de 3 anos, ao fin, achegan un borrador, cun protocolo que resulta moi insuficiente co que agora mesmo hai na Administración Xeral do Estado.

Descargar proposta da Xunta

Enchufando á xente sen oposición en postos directivos

O de que o PP busca racionalizar as Administracións é algo que os que estamos dentro sabemos que resulta mentira. O que pretenden é desprofesionalizalas, ou seña, reducir o persoal que entra por oposición ou concurso-oposición, e aumentar o persoal que entra a dedo.

Para máis inri, dese persoal que entra a dedo, aproveitan agora a figura do "persoal directivo" creado no artigo 13 do EBEP e que aparece desenvolto na nova lei de emprego público. Pero o peor é que chegan mesmo a extendelo de xeito ilegal para cubrir postos que nin a lei lles permite. Estes é o caso, aquí en Compostela, do posto de Dirección do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (CRI), tamén de dirección, do Centro Galego de Arte Contemporanea (CGAC).

Ambos centros veñen definidos no seu Decreto de estrutura como Administración xeral e polo tanto aquí non cabe persoal alleo á Administración. Sí poderían metelos nunha Axencia, nun Consorcio, nun ente público... pero non en Administración Xeral, tal e como recolle  o artigo 60 da LOFAXGA.

A CIG denunciou no seu momento, cando se creou o CRI, e presentou o correpondente recurso contencioso-administrativo. Desta volta, e a raíz da publicación da convocatoria do posto de Dirección do CGAC presentou tamén o oportuno recurso fundamentado nos mesmos aspectos xurídicos.

venres, 7 de novembro de 2014

Pasando de negociar nada: caso do CIXTEC

Quedamos flipando do que nos comentan as compañeiras e compañeiros do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-financeira e Contable (CIXTEC) que ten aquí a súa sé en Compostela., pretiño do Parlamento, aínda que tamén están de xeito permanetne por San Caetano, no edificio de Facenda. Por decilo así, rapidamente, levan todo o que ten que ver co aspecto técnico da Consellaría de Facenda. 

A Dirección vén de facer unha modificación da RPT da que ten o visto bo de Función Pública sen terse reunido coa representación do persoal; simplemente llo comunicaron a título informativo. O comité de empresa vén de poñer un recurso e desde a CIG se lle solicitou ao director de Función Pública que cumpra as leis sobre a obrigatoriedade de negociar colectivamente as RPTs, tanto o EBEP como o Estatuto dos Traballadores, e máis o propio V Convenio Colectivo (ao que están adherido o seu persoal).

En fin, vale que andiveron co CIXTEC aos tumbos, que non sabían se convertilo en Axencia, se fusionalo coa AMTEGA, se co IGE... pero en temas de persoal non se aplica a potestade organizativa e teñen que negociar, lles guste ou non.

xoves, 6 de novembro de 2014

Promoción interna ou putada eterna?


Sorprendentemente, a finais de xullo mandou o director xeral da Función Pública os borradores das convocatorias da promo interna de corpos xerais. Como ben sabedes, estes borradores son infumables e xa non só polo fondo, que parecen máis unha convocatoria de acceso libre, senón polas formas.

E cales son as formas? Pois 5 anos sen convocar nada, 3 ofertas de emprego público acumuladas, e agora veñen cunha convocatoria completamente diferente á última.

E non só iso, despois das asembleas que fixemos en San Caetano e San Lázaro, de presentar unha chea de alegacións que nos achegáchedes, veñen cun segundo borrador practicamente igual que o primeiro. Falouse co resto de sindicatos e decidimos levantarnos en sinal de protesta pola falta de negociación.


mércores, 5 de novembro de 2014

Voceiro da CIG Traballo e Benestar da Coruña: conselleira pirata ao abordaxe dos dereitos do persoal laboral.

Xa está dispoñible para descarga un novo número do "Voceiro", o boletín informativo da sección sindical da Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña.

Neste número:
  • Conselleira pirata: á abordaxe dos dereitos do persoal laboral
  • Paralización da reforma da residencia de maiores de Caranza
  • Compesación de domingos e festivos
  • Novas... novas... novas (concurso de traslados, solapamentos, orzamentos 2015, nova lei de función pública,etc.)
  • Contra: para o que hai cartos e para o que non hai cartos.
Descargar o Voceiro

Boletín sindical CIG San Caetano - SSCC: Metade de cuarto de paga extra


Temos xa unha nova edición do boletín da CIG nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. Este boletín sindical ten unha tirada de 2000 números no maior centro de traballo de persoal funcionario da Xunta de Galiza.

Neste número, aínda máis fresco e retranqueiro que nunca pero reivindicativo e transgresor coma sempre, temos:

- Editorial. Metade de cuarto de paga extra. 
- Promoción interna: cronoloxía dun acto presunto 
- Novas breves 
- A contra: Hai fotos... e fotos!!! (O pequeno Nicolás)

Descargar o Boletín