Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 31 de marzo de 2015

O Goberno indulta por Semana Santa a un funcionario que filtrou datos persoais

Do que estamos falando é da noticia que publica El BOE nuestro de cada día e da que se fixeron eco varios diarios dixitais: O Goberno indulta por Semana Santa a un funcionario da Seguridade Social que facilitou miles de datos personais a policías, gardas civís, persoal de seguridade do Corte Inglés e a mutuas laborais.  O tema non é moco de pavo pois chegou ata o Tribunal Supremo quen si atopou culpable a esta persoa de revelación de segredos e foi condenada a 3 anos e medio de cadea e a inhabilitación durante 6 anos, co que perdeu a súa praza como funcionario. 

Pois resulta que este "funcionario" (Francisco José García Padilla) é o pai do concelleiro  e presidente de Nuevas Generaciones de Valladolid (Francisco de Borja García Carbajal). E resulta tamén que a cofradía en cuestión (Nosa Señora da Piedade de Valladolid)  que propuxo o indulto deste paxaro é a mesma que solicitara (e conseguira) no ano 2014 o indulto para un director de banco que lle roubara 30.000 € a un cliente.

Estes "funcionarios" que non actúan como tales, non merecen estar en posto público algún polo resto da vida porque nin lle fai favor a cidadanía, nin tampouco ao noso colectivo de traballadoras e traballadores públicos. Aínda que tanta culpa ten o que comete o delito, como o que media para o seu indulto, así como o que o concede e todas aquelas persoas que siguen sostendo este sistema medieval dos indultos que atenta contra a separación de poderes.

Tes o tempo necesario para exercer o dereito ao voto

Durante o día das votacións para elexir as persoas que compañen o teu comité de empresa ou Xunta de Persoal tes un permiso especial para acudir á votar á mesa que che corresponda durante o tempo necesario.

Este permiso especial vén regulamentado a través dunha orde da consellaría de Facenda que, para estas eleccións sindicais do período 2014-2015, vén no DOG 21/11/2014. Se acudes a votar fóra do teu centro de traballo recorda exixir á Mesa un xustificante de ter votado porque pódencho pedir desde o teu órgano de persoal.

Nesta orde tamén se recolle o permiso polo día completo do día das votacións para as persoas que compañan as Mesas, as representantes da Administración e as que figuren como interventoras ou apoderadas das candidaturas. Ademais, tamén terán unha redución de 5 horas na súa xornada de traballo no día inmediatamente posterior.

luns, 30 de marzo de 2015

Candidatura da CIG á Xunta de Persoal Funcionario o 16 de abril

O vindeiro día 16 de abril, o persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza ten a oportunidade de exercer o seu dereito ao voto nas eleccións sindicais.

Todas e todos os que estamos chamados a votar temos que decidir que tipo de representación queremos. Queremos un sindicalismo combativo que se poña enfronte da Administración? ou acaso queremos un sindicalismo conformista, que busque solucións de despacho, inactivo, pasota e que estea a velas vir? A CIG opta pola primeira vía, pola firmeza na defensa dos Servizos Públicos e dos dereitos do seu persoal, pero tamén pola unidade de todas e todos, tal e como levamos demostrando dende a presidencia da Xunta de Persoal durante estes catro anos.

Continúan os problemas co persoal do CAPD da Coruña

Este luns, 30 de marzo, no Informativo de Radio Coruña ás 14.13 e ás 19.13 sae algo.
O CAPD A Coruña -Centro de Atención para Persoas con Discapacidade- ten un problema estrutural de falla de persoal.

Este problema estrutural agrávase pola política que leva a Consellería de Traballo e Benestar de cubrir as baixas a partires do 14º día; de cubrir menos da metade do persoal que ten vacacións; e de non cubrir, especificamente, as vacacións das persoas que están xubiladas parcialmente e as baixas das persoas que están xubiladas parcialmente.

Esta suma de feitos provocados pola política da Consellería produce uns resultados tremendos no CAPD A Coruña que se traduce nunha sobrecarga brutal para as traballadoras e traballadores, que xa soportamos a inhumanidade dos TURNOS MACHACADORES que temos, e na baixa de calidade na atención que deben ter as persoas que atendemos.

Voto por correo nas eleccións sindicais

O voto por correio está establecido pola Lei 9/1987 de Órganos de Representación nas Administracións públicas e desenvolto polo Real Decreto 1846/1994 polo que se aproba o regulamento de eleccións sindicais nos órganos da Administración xeral do Estado e que a Xunta aplica aquí supletoriamente.

Para exercer o voto por correo nas eleccións sindicais:

Tes que comunicalo previamente (solicitalo) a túa mesa eleitoral. Esta comunicación pode ser a partir do día seguinte á convocatoria eleitoral (dende a data de constitución da mesa xa se pode facer) e até cinco dias antes da data de votación

Solicitude dunha área reservada para comedor nas instalación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

Enésima petición do persoal da AMTEGA dun espazo reservado para o comedor do persoal, desta volta, con recollida de 45 sinaturas e enésimo silenzo da AMTEGA.

Este tema xa leva coleando 2 anos, cando a Xunta de Persoal se reunirá coa Xerencia para solventar varios problemas das instalacións da Cidade da Cultura que repercutían nas traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza no Gaias (tamén no persoal de Cultura): imposibilidade de usar o aparcadoiro soterrado ou cirular sen molarse polo interior das instalacións (que si podía facer o persoal da Fundación Cidade da Cultura), problemas coa conexión dos buses e marquesina, falta de espazo de áreas de descanso ou non disponibilidade de taboleiros de información sindical.

Destes temas só o da comunicación dos buses foise solucionando pero o resto quedou no ar, mesmo algún tan básico para o aforro como é a dispoñibilidade dunha sala de descanso onde poder comer o que se trae da casa, demanda que aumentou desde a implantación da flexibilidade do horario laboral. Por suposto, sitio hai de abondo e o propio persoal índicalle á Xerencia unha proposta (onde realiza os pinchos oficiais a propia AMTEGA, por certo).

sábado, 28 de marzo de 2015

Lazos laranxas pola reposición do artigo 19 do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta

Seguen os lazos colectivos. Os das fotos son os do persoal do CAPD da Coruña, os lazos colectivos que significan o espertar colectivo e que se materializou no éxito das 20 Concentracións autoconvocadas en 20 Centros de Benestar da Xunta esperexidos por todo o país.

Este espertar colectivo que xa non ten marcha atrás, que a Xunta estivo machacándonos moito tempo, PERO MACHACOUNOS MOITO, DEMASIADO, E A XENTE NON AGUANTAMOS MÁIS, imos saíndo da caldeira na que estamos, imos saíndo con forza, con ganas, con rabia....e así resulta que entre este espertar colectivo, a reivindicación que aumenta e aumenta, eleccións varias, a necesidade do Partido Popular de recuperar votos.....todo conxúgase para que este sexa O NOSO MOMENTO, o MOMENTO DE IR A POLO ARTIGO 19 ATÉ O FINAL, o MOMENTO DE SER TRABALLADORES CON DIGNIDADE E CON CONCIENCIA DE CLASE, o momento de dicir AQUÍ ESTAMOS!!!

venres, 27 de marzo de 2015

Situación definitiva das mesas electorais eleccións sindicais persoal funcionario SSCC

Logo das xuntanzas que se desenvolveron entre a Administración, as organizacións sindicais promotoras destas eleccións e a Mesa Coordinadora, dende a CIG informamos que a celebración das eleccións será o 16 de abril de 2015, entre as 10:00 e as 16:00 h. e a distribución e ubicación das mesas onde se poderá votar é a que segue:

xoves, 26 de marzo de 2015

Concentración na residencia de Oleiros contra o abuso do director sobre o persoal (vídeo)


Ás 12 da maña do día 26 de marzo, con choiva, con vento, con frío, E CON MOITA XENTE, empezou a Concentración convocada polo Comité de Traballo e Benestar de A Coruña contra o abuso de poder do Director.

Un montón de traballadoras e traballadores berramos "Señor Director. RESPECTO ÁS TRABALLADORAS!!!", NON NON NON AO ABUSO DE PODER", "QUE CESEN A LOPE DE TOLEDO", LOPE DE TOLEDO, DIMISIÓN POR ABUSÓN".......

Ligazón ao vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=eMgzb2ZA_wU

Minireunión de "mellora" das condicións laborais do persoal a quendas de Traballo e Benestar

O 25 de marzo tivo lugar unha minireunión que supón a continuación daquela primeira co director xeral de Función Pública onde se luciu coa mítica frase "agora que a crise xa vai remitindo..."

Estas reunións foron forzadas e están sendo forzadas pola gran capacidade mobilizadora do persoal dos centros de Benestar da Xunta que sigue reclamando a total recuperación do artigo 19 do V Convenio Colectivo suprimido pola Lei de medidas.

A consellaría de Traballo acompañada da Dirección Xeral de Función Pública entregan catro follas grapadas, escritas por unha cara con letra ben grande, para que ocupe mais que si non seria unha folla polas duas caras e andando. O escríto titúlase: liñas acordo sobre as condicións especiais de traballo dos centros de xestión propia da área de Benestar da Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza. Descargar

venres, 20 de marzo de 2015

O valedor do PPovo xustifica os recortes da Xunta na presentación do seu informe do ano 2014

O valedor do Pobo vén de presentar o seu informe do ano 2014 no Parlamento de Galiza. Na súa presentación, no día de onte, deixounos unha serie de perlas na rolda de prensa, tales como: "O Estado social non pode crecer ilimitadamente", ou valorar nunha escala de 0 a 10 que “As políticas sociais da Xunta están sento de sete”, ou sexa, de notable.

Programación de avaliacións de riscos laborais nos Servizos Centrais para este ano 2015

Segundo informa o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, este ano 2015 faranse un total de 20 visitas nas dependencias dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, conforme á previsión realizada.

Segundo advenimiento da nova lei da transparencia sen cumprir a actual

A transparencia está de moda, polo menos de palabra; outra cousa xa é practicala. Feijóo vén de anunciar por segunda vez a nova lei de transparencia autonómica sen que ista chegara tan sequera a ser un proxecto de lei. Precisamente abriamos o noso Boletín de febreiro con este tema e o cinismo que o rodea.

O pasado 19 de marzo,  desta volta tocoulle a Alfonso Rueda vendernos de novo a mesma vaca tralo Acordo do Consello polo que se autoriza o inicio da tramitación do Anteproxecto de Lei de transparencia e bo goberno. A primeira ocasión fóra Feijóo na súa comparecencia no Parlamento galego para anunciar as súas medidas contra a corrupción; medidas anunciadas para escapar de dar explicacións sobre a corrupción que lle salpicaba a el mesmo: a conexión Pachi Lucas e a Operación Zeta.

Para combater a corrupción, propón, en primeiro lugar, máis transparencia, o cal nos parece correcto. O problema é que se queda nunha recompilación de medidas que xa existen e non se cumpren ou están desperdigadas en diferentes webs, ou ben aborda algunhas problemáticas de xeito superficial.

A Xunta presume de resultados de débeda pero manten a lei de medidas

Demandamos a súa retirada imediata e a implantación doutra lei que tome medidas sobre os gastos que ocasiona a corrupción e as privatizacións.

Recentemente o Goberno da Xunta sacaba peito de que eramos "a comunidade que menos elevou o seu endebedamento no 2014". A principios de ano, e antes da súa marcha para Vigo, a Conselleira de Facenda anunciaba a previsión de crecemento para o noso país no 2015 nun 2%.

Cada vez que vemos os anuncios de datos positivos para estes dous indicadores macroeconómicos non pode menos que fervernos o sangue por dous motivos: 1) que a macroeconomía vaia mellor non supón o freo á desigualdade e pobreza que viven día a día a maioría da poboación e 2) (no eido máis noso) mentíronos descaradamente coa lei de medidas que dicían era "temporal" mentres estes indicadores non melloraran.

xoves, 19 de marzo de 2015

Concurso de corpos xerais: cambios do borrador respecto do concurso de 2013

Xa nolo anunciaran na última Mesa Xeral, non vai haber grandes cambios respecto das bases do último concurso salvo na fase de resultas que, ao fin, vai poder ser por posto concreto, como se leva facendo desde o concurso de persoal informático.

Nos méritos chama a atención que desistiran da limitación dos cursos de formación a 5 anos de validez, como anunciaran cando os borradores da promoción interna, do cal nos congratulamos.

Ao final desta nota tedes unha folla de cálculo comparativa respecto á puntuación de méritos entre o borrador do que podería chegar a ser o concurso 2015 e o que foron as bases do concurso 2013.

Respecto aos postos que van ofertar, agardamos que en breve nos dean acceso ao buzón de postos para poder acceder ás vacantes así como ás observacións das distintas consellarías sobre as que pretenden retirar da oferta.

A Consellaría de Economía e Industria gastará 2.000.000 € en publicidade institucional sobre innovación e emprendemento

Desde o 2012 o custo desta campaña multiplicouse por dous.


Sempre poñemos o ollo crítico nas subvencións aos medios de comunicación, nos convenios pero tamén nos contratos do que se chama a "publicidade institucional" e que tanto falou o propio Feijóo de controlar no 2009 pero ao final decidiu deixar de lado no 2015. Recordemos tamén a nosa última denuncia do gasto de 1,5 millóns de € para animar á natalidade.

Cabreanos ver estes gastos, si, cabreanos cando se lle da as costas a emerxencias sociais, a saturacións hospitalariais, a aulas masificadas ou residencias de anciáns con falta de persoal.  Cabreanos tamén porque temos dereito, ao ver recortes de portas para adentro todos os días nos nosos centros, nos nosos postos e nos nosos dereitos. Non queremos nin imaxinarnos o que lles cabreará as persoas afectadas e familiares, por exemplo, pola hepatite C cos que Goberno e Xunta están xogando coas súas vidas.

E cabreanos ademais porque non estamos falando de investimento público en innovación e emprendemento, non, estamos falando de investimento público en publicidade das medidas de innovación e emprendemento. Na situación na que estamos, e máxime neste tipo de axudas á innovación, non resultaría máis racional e austero explorar outros campos de difusión como internet e redes sociais, que non darlles cartos aos medios de comunicación de sempre para que poñan a publicidade da Xunta? Onde está o beneficio real para a sociedade desta publicidade institucional? E logo se queixaran de que pensemos mal e desconfiemos ao ver o ben que saen parados, por exemplo na Operación Zeta, Feijóo e o seu amigo Negreira en certos xornais.

Ofrésece presidente autonómico como sachador profesional en reforestacións autóctonas

Tempo atrás era o noso compañeiro Alberto Núñez Feijóo, o sindicalista, membro da primeira Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta. Iso foi moito antes de facer os seus pinitos como acompañante de narcotraficante e de trepa no PP da man do seu padriño Romay Becarria ata chegar a Madrid como director de Correos. Logo volveu para Galiza reconvertido en bombeiro forestal con roupa de "sport" e mangueiras de xardín.

Pois ben, a todas esas míticas fotos do noso compañeiro, e sen embargo xefe, únese agora esta na que a prensa do réxime non tardou en gabar as súas capacidades como sachador profesional no inicio da reforestación con árbores autóctonas no Monte Gaias, nas faldas do mamotreto da Cidade da Cultura. Na foto vese que lle pon interese pero o que lle falta é técnica e a indumentaria apropiada.

E é que a Alberto a nosa terra sempre lle resultou hostil e suspirou con nostalxia cara a fría meseta castellana en canto tivo que volverse para aquí por mandato divino. En fin, o que agardamos é que teña éxito en cavar e atope a vegoña que perdeu de camiño á Presidencia da Xunta.

Di o director da Función Pública que só hai 160 traballadores/as doutras Administracións en toda a Xunta

Xa só en Educación e Sanidade nos Servizos centrais estaríamos falando de case 200 persoas

Na última Comisión de Persoal achega estes datos o director xeral (ao fin e tras anos de requerimentos e sucesivas integracións). Curiosamente, di que hai só 160 traballadores/as doutras Administracións traballando en toda a Xunta; aclara que representan o 0,70 % de todos os postos de persoal funcionario e laboral existentes nas distintas RPTs no ámbito da Administración xeral. Con relación aos postos de RPT realmente ocupados sinala que a porcentaxe é un pouco superior, aproximadamente do 0,90 %. Finalmente dixo que, tomando como referencia só ao persoal funcionario, a porcentaxe se eleva ao 1,27 %.

A actual lei da Función Pública recolle no seu artigo 44.5, ao respecto da mobilidade entre Administracións, que "o persoal doutras administracións en servizo activo na Administración da Xunta de Galicia non poderá superar, en ningún caso, o 5% dos efectivos totais con que esta conte". Na futura lei, agora en trámite parlamentar, dado que a integración é automática o que se establece é o 7% de límite de postos das RPTs abertos a outras Administracións.  Ademais, no novo texto, exclúese desa cifra as subdireccións ou xefaturas de servizo dos ámbitos da educación, sanidade e xustiza, co cal o límite real vai ser moi superior.

Respecto a esto teríamos moito que falar, comezando polo persoal doutras Administracións que se atopa aquí en comisión de servizos, excedendo o tempo legalmente permitido, o persoal que vén a través de ordes de servizo sen ocupar praza (xa só en Educación e Sanidade nos Servizos centrais estaríamos falando de case 200 persoas) ou de por que non dá acceso aos sindicatos ao programa Matrix que cruza os datos das RPTs cos de Persoal, canto menos aos datos xenéricos (non aos persoais). Senón, non temos xeito de contrastar a súa información.

Continúan as mesas xerais dos recortes e da ineptitude na xestión dos nosos dereitos

A pesar da mensaxe institucional que se transmite desde a Xunta, de portas para adentro o da "recuperación económica" resulta claramente unha trola. Na última Mesa Xeral e Comisión de Persoal foron tres as propostas de modificación de relacións de postos de traballo  (RPTs) que supoñen continuar coa tendencia de destrucións postos de traballo público: AMTEGA, Axencia de Infraestruturas e Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia. A proposta da RPT do IGC retirouse da orde do día a petición da Consellaría de Economía e Industria. Descargar documentación

Houbo mínimas modificacións, nalgún caso, na Mesa Xeral do 13 de marzo, pero as consellarías seguiron para adiante coa teima do axuste orzamentario de exercicios pasados e a amortización dun montón de postos vacantes que previamente deixaron sen orzamentar pero tamén outros que estaban xa orzamentados como os que quedaron vacantes tralos concursos (pedimos listaxe).

O máis destacable foi a marcha atrás da AMTEGA na amortizaión de 4 postos ocupados por persoal interino e temporal, como tamén fixo Medio Rural que deu para atrás no seu momento no despedimento de 10 traballadores/as; queda feo botar xente a rúa antes das eleccións. Agora ben, aumentan o número de persoal por libre designación e continúa o camiño da total privatización dos servizos informáticos da Xunta.

Na Comisión  do 17 de marzo, os catro sindicatos presentes neste órgano votaron en contra destas tres propostas a pesar do cal sairon aprobadas co voto maioritario das persoas representantes da Administración.

Nesta Mesa e Comisión de Persoal avanzáronse temas moi agardados, entre os que destaca o anuncio da convocatoria da promoción interna (con cambios substanciais respecto aos últimos borradores) e do concurso de corpos xerais para abril... será certo desta volta? Nada dos concurso de corpos especiais, de escalas ou de persoal laboral do que xa se comezara a traballar con el no verán do ano pasado, nin por suposto nada da implantación dos concursos permanentes, dos que leva falado o actual director xeral da Función Pública desde que chegou ao cargo, vai xa para 6 anos.

Outras cuestións de interese

Éxito total das 19 concentracións simultáneas convocadas polo persoal dos centros de Benestar (vídeo)


18 de marzo: día histórico nos Centros de Traballo e Benestar

Convocadas por traballadoras e traballadores, partícipes do grupo Facebook “Traballadores Centros Xunta”, tiveron lugar hoxe 19 concentracións en 19 centros da Consellaría de Traballo e Benestar.  Demandan a restitución do artigo 19 (descansos e festivos) do V Convenio Colectivo suprimido pola lei de medidas.

As Concentracións foron nas Residencias de Maiores de Oleiros, Torrente, Caranza,Carballo, Volta do Castro, Porta do Camiño, Vigo I, Monforte, Vigo II, Marín, Burela, A Pobra, Castro Caldela, A Nosa Señora das Milagres, Campolongo, ás Gandaras, A Milagrosa, e nos CAPD de A Coruña, e de Chapela, sendo o 19 de marzo a do CAPD de Sarria.

Ligazón ao vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=AZ14Y2x4PO4

mércores, 18 de marzo de 2015

Convocatoria de promoción interna previsiblemente en abril pero con cambios substanciais

Anuncia o director xeral que haberá cambios substanciais nos borradores e que se aproximarán ao demandado polos sindicatos. Nas seguintes semanas mandarán os borradores e saberemos a que cambios se refiren. 

 

A convocatoria será, previsiblemente, ao longo do mes de abril.


O bo faise agardar pero cando hai eleccións á vista non tanto, e sobre todo cando poden bailar moito os resultados para o partido no poder. Na Mesa Xeral do 27 de febreiro o director xeral da Función Pública mostrábase disposto a publicar "si ou si" en marzo as convocatorias da promoción interna, houbera ou non "acordo cos sindicatos". Referímonos á promoción interna separada de corpos xerais de persoal funcionario das que existen prazas ofertadas desde o 2009, 2011 e que finalmente se acumularon coas de 2012. No resto de corpos, escalas e categorías profesionais, a promoción interna na Xunta vén sendo aínda máis unha quimera.

Pois ben, na seguinte Mesa Xeral, a do 13 de marzo, vai o mesmo director xeral e asegura que si vai haber cambios substanciais na liña do demandado polos sindicatos (e pola práctica totalidade do persoal funcionario, esqueceu dicir) e que con todo, as convocatorias xa non serán en marzo e serán, previsiblemente, en abril e xa volvemos de novo coa probabilística á Función Pública galega. Ademais, comunica que a EGAP vai elaborar os temarios  que servirán de base para estes procesos. Irá desta volta á vencida?

martes, 17 de marzo de 2015

Nova lei de asistencia xurídica e efectos para o persoal da Xunta

Tan só 3 días despois de falar da "autoprovisión" na Asesoría xurídica da Xunta, Medio Ambiente anuncia un contrato de 72.000€ para a redacción de dous textos legais.


Tralo Consello da Xunta do 12 de marzo anunciouse o inicio da tramitación da Lei de ordenación da asistencia xurídica da administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia e do seu sector público. Anúnciana como a terceira norma que vai impulsar a famosa "rexeneración democrática" e non entendemos moi ben de que rexeneración fala máis aló do que resulta evidente: que o persoal e altos cargos paguen a súa defensa se son condeados.

Agora ben, o matiz está no seguinte: se existen "claros indicios" de ter actuado "contra os intereses da Administración" esta defensa pode negarse ou ser revogada. Istes indicios apreciaríanse mediante unha avaliación da propia consellaría e da Asesoría Xurídica Xeral. Por suposto, en caso de condea, habería que rentegrar o custo da defensa xurídica. O peliagudo vén precisamente no primeiro caso, tendo en conta os matices que pode haber nos "indicios" e no de "ir contra a Administración" cando se trate por exemplo dun traballador ou traballadora pública que pretenda denunciar un caso de corrupción e se lle faga a vida imposible.

Resumo da reunión do Comité Intercentros do 17 de marzo: mani do 14 de abril, pluses de sentenza e concursos de traslados

Acórdase por unanimidade pedir a Función Pública que se faga unha modificación de todas as RPTs das consellarías afectadas para incluír nestas os pluses que nestes momentos están gañados por sentenzas xudiciais e aínda non están incorporados xa que temos comprobado que as consellerías néganse sistematicamente a incluír estes pluses aínda que fagan modificacións nas súas RPTs.

Acórdase por unanimidade esixir a Función Pública o cumprimento do V Convenio Colectivo e que se convoque o concurso de traslados do persoal laboral nos termos recollidos no artigo 7.2.a.1 do convenio.

Perfílase a MANIFESTACIÓN do día 14 de abril de 2015 para denunciar a bochornosa situación dos centros públicos da área de Benestar da Consellería de Traballo:

Bases do Concurso de Traslados - Corpos Xerais (1ª proposta de Función Pública)

Onte, tal e como estaba previsto (para variar) a Dirección Xeral da Función Pública achegounos a última hora a primeira proposta das bases do concurso de traslados dos corpos xerais.

Falta agora saber as prazas que van ofertar, xa estiveron traballando as consellarías nisto, polo que en breve achegará a Administración o buzón de prazas para ofertar neste concurso de traslados.

venres, 13 de marzo de 2015

Datos das comisións de servizo para o mes de febreiro

As variacións en número do mes pasado a este foron as seguintes:
  • Comisións: pasan de 51 a 66. Liña estable, en decembro houbo 48.
  • Prórrogas: foron neste mes 52, no anterior 25 e en decembro 79. Aquí a estabilidade non é unha das características a sinalar. Seguen existindo vulneración nos tempos por parte de persoal que vén doutras Administracións.
  • Adscricións: pásase de 9 a 3 e o que si é curioso é o lixeiro aumento de revogacións de comisións, nomeadamente dúas no mesmo sitio, a APLU (órgano de control do urbanismo).
Como curiosidade comentar que o director de Meteogaliza, habitual destes listados, cesou oficialmente o pasado día 3 de marzo, sairá nas revogacións do mes que vén.

Continúamos comunicándolle a Función Pública as ditas irregularidades e seguimos demandando que se regulen as comisións de servizo por procesos obxectivos se ben o camiño que hai que levar é o dos concursos permanentes cos que gaña a maioría do persoal funcionario e da cidadanía.

"Agora que a crise vai remitindo..." di o director xeral de Función Pública

O xoves, 12 de marzo, tivo lugar unha xuntanza entre o Director Xeral de Función Pública e os sindicatos para tratar a grave situación na que se atopan tanto os centros de Benestar como o persoal que traballa neles. Estamos falando de situacións tan graves que vulneran o recollido no Estatuto dos/as Traballadores/as en canto a incumprimento de descansos de domingos e festivos, a non cobertura de baixas e vacacións, a non negociación de quendas ou a falta de material  ou a situación deste en pésimo estado. 

Todas estas cuestións foron pelexadas con continuas mobilizacións e demandas xudiciais, especialmente desde a CIG Traballo e Benestar da Coruña, e xusto agora, antes da eleccións, deciden sentarse a falar, non sexa que lles estropeemos a campaña eleitoral. 

Agora que a crise vai remitindo vai haber cartos para o que sempre debeu habelos porque mentres "estivemos en crise" os cartos estiveron aí pero para os concertos cos centros privados de Benestar.

"Agora que a crise vai remitindo..." comezou dicindo o director xeral nesta reunión, agora que a crise vai remitidno para quen?, preguntamos nós. "Agora que a crise vai remitindo" fan as cousas que tiñan que ter feito de acordo a lexislación vixente, que houbo que denuncialos no xulgado. Agora que "a crise vai remitindo" van poder comprar cueiros para os nosos maiores nas residencias de asistidos porque cartos para que a conselleira fora paseando de sarao en sarao en coche oficial sempre os houbo. "Agora que a crise vai remitindo" e as eleccións chegando, olvidouse de matizar o director xeral.

Podemos tomar nota destas palabras todo o conxunto de traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza nas nosas múltiples demandas, non só en defensa dos nosos dereitos senón dos servizos públicos que prestamos; é hora de aumentar a presión sobre esta mafia "agora que a crise vai remitindo"... e estamos en ano eleitoral.


xoves, 12 de marzo de 2015

Por un puñado de votos: emendas do PP á súa propia lei de emprego público

A comezos desta semana anunciaba o PP en rolda de prensa no Parlamento galego diversas emendas ao texto do proxecto de lei de emprego público presentado tan só uns meses antes por Feijoo. 

 

A medida estrela é a ampliación de 16 a 18 semanas para o permiso de maternidade a traballadoras públicas que se rixan por esta lei.


Todo avance en medidas de conciliación que nos achegue aos estándares europeos é positivo, desde logo, e máis nun país envellecido coma o noso. Quizáis esas medidas cheguen xa un pouco tarde e máis nun colectivo castigado polas sucesivas taxas de reposición 0 ou próximas a cero que fixeron mella no seu avellentamento progresivo. Mellor sería mesmo que convenceran á patronal, xa que se levan tan ben, da necesidade de ampliación deste permiso para todo o colectivo de mulleres traballadoras e non só no ámbito da función pública galega.

O que xa non resulta tan positivo é utilizar estas medidas para sacarlle rédito eleitoral ou ter que enterarnos destas melloras pola prensa ou  polos familiares e amigos que nos din "ou sexa que agora, ademais, ides ter 2 semanas máis de permiso por maternidade?". A que vén meter agora estas modificacións cando o partido que as promove é o mesmo que promoveu a lei orixinal no Goberno? Di o PP que durante estas semanas se reuniron con "moitos colectivos" e de aí sairon estas modificacións. Pero de qué colectivos fala!? Cando se negociou o proxecto de lei cos sindicatos fixeron oídos xordos a calquera mellora neste eido que lle presentou a CIG precisamente na ampliación nas semanas de maternidade, entre outras medidas que presentamos en temas de conciliación da vida familiar e laboral, e non nos fixeron nin caso.

mércores, 11 de marzo de 2015

Mesa Xeral de 13 de marzo: RPTs AMTEGA, AXI, Vicepresidencia, Consellaría de Presidencia e IGC

Con todo o peixe vendido e con só 2 días de antelación, como xa é costume nesta Administración para os paripés, convócanos o director xeral de Función Pública a unha Mesa Xeral ordinaria para "negociar" as seguintes relacións de postos de traballo (RPTs):

  • Axencia de Modernización Tecnolóxica (AMTEGA): modificación completa. + info
  • Axencia de Infraestruturas (AXI): modificación parcial. + info
  • Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia: modificación parcial. + info
  • Instituto Galego de Consumo (IGC): modificación parcial
A mesa terá lugar o venres, 13 de marzo, na EGAP.

Descargar documentación:

Persoal de Residencia de Maiores de Porta do Camiño e de Volta do Castro recolle sinaturas pola defensa dos Servicios Sociais

Hoxe mércores 11 de marzo de 2015, persoal laboral da Residencia de Maiores de Porta do Camiño e da Residencia de Volta do Castro de Santiago de Compostela, procederon a recoller sinaturas dirixidas ao Presidente da Xunta para reclamar mais medios e mais persoal para os centros de atención directa de Servizos Sociais que dependen da Consellería de Traballo e Benestar.

Durante a maña do mércores, dende as 10,00 horas ata ás 13,00 horas o persoal destes centros e os usuarios dos mesmos poideron asinar ma mesa montada por membros do Comité de Empresa de Traballo e Benestar, chegando a recollerse 311 sinaturas que van a xuntarse coas recollidas no resto de Galicia, para presentarllas ao Presidente da Xunta co fin de denunciar a grave situación que se padece nos centros de atención directa de Benestar.

As mobilizacións do persoal van a continuar e xa están a ter repercusións ao convocarse dun xeito urxente para maña xoves ás 13,00 horas una mesa de negociación das condicións de traballo nos centros, descoñecendose a oferta que vai a presentar a Xunta de Galicia, ante a reclamación de reposición dos dereitos do persoal laboral e a raíz da última sentencia do TSXG que condena á Consellería de Traballo, declarando ilegais as carteleiras de 2014.

martes, 10 de marzo de 2015

O persoal dos centros de Benestar gaña o conflito colectivo das carteleiras de 2014

Residencia de Maiores de Caranza - Ferrol
Residencia da Volta do Castro - Compostela
Este luns 9 de marzo de 2015 procedeuse a convocar 3 roldas de prensa simultaneas nas cidades da Coruña, Ferrol e Compostela, para explicar á cidadanía da sentenza do TSXG que DELCLARA ILEGAIS AS CARTELEIRAS DE TRABALLO DO ANO 2014, para os centros de traballo de atención directa da Consellaría de Traballo e Benestar.

A Oferta de Emprego Público da Xunta "da recuperación económica" ao fin no DOG

Despois de marear a perdiz durante moito tempo e de traficar coa información sobre os "criterios xerais" e as prazas que ían ofertar, por fin temos dunha peza todo o paquete completo.


Primeiro chamáronnos para "negociar" os criterios xerais da Oferta de Emprego Público (OEP) para 2015. Negociar vai entre comiñas porque o que en realidade buscaban dos sindicatos é o paripé para sacar unha nota de prensa falando de que multiplicaban por 7 as prazas do ano pasado en Administración Xeral e que si esta é a OEP da recuperación económica e que ben que o fixemos que veñen as eleccións municipais. Xa no seu momento fixemos unha análise crítica desta oferta na que botamos en falta moitas prazas.

Pero é que o grave é que precisamente as prazas que se convocan non sexan obxecto de negociación, nin sequera de consulta. É máis, gardáronas celosamente en segredo ata que o Presidente da Xunta anunciounas tralo Consello da Xunta do 5 de marzo; entendemos que por iso da "exclusividade" ante os medios, que para algo é o Presidente e para algo gasta tanto diñeiro público neles.

O gran sorpresón veu da man da promoción interna de persoal funcionario de corpos xerais que van máis de 100 prazas pola quenda separada. En fin, que esto non quere dicir moito pois aínda están sen convocar as prazas da OEP do 2009, do 2011 e do 2012, da que aínda seguimos agardando ese outro carameliño eleitoral da súa convocatoria que "si ou si" vai(?) ser en marzo.


luns, 9 de marzo de 2015

170 € para comprar o voto do persoal da Xunta e facer esquecer a lei de emprego público

A recuperación da outra metade da parte devengada que nos debe a Xunta da paga extra de 2012  virá da man da aprobación da nova lei de función pública a partir de abril.

A propia Voz de Galicia facía a semana pasada unha reflexión sobre o oportunismo eleitoral que supón aprobar en abril esta lei, así como do agravio comparativo co persoal da maior parte do resto de Aministracións públicas do Estado español, que xa cobrou a totalidade da parte devengada en xaneiro deste ano. Tamén, desta volta, fai fincapé este xornal sobre a diferenza entre persoal funcionario e laboral.

Estes 170€ dos que fala a nova non é máis que un promedio, como aqueloutra cifra dos 200€ dos que falaban os medios a finais do ano pasado. Alegrámonos agora que a Voz comparta o que nós levabamos dicindo xa desde que anunciaron esta devolución do que se nos debe por fascículos: que se trataba dunha medida eleitoral e aínda por riba inxusta con relación ao resto de compañeiras e compañeiros que traballan para o sector público que non dirixe Feijóo.

O que pasa un pouco despaercibido son estas outras dúas cousas: 1) a caixa de agasallo na que meten estes 170€ (a lei de emprego público) e 2) as outras cantidades adebedadas que tamén recoñece a Xustiza pero das cales nin Feijóo nin a Voz din nada (a parte devengada da paga extra de 2013).

10 de marzo - MANIFÉSTATE COA CIG

A CIG reivindicará emprego e salarios dignos contra a pobreza no Día da Clase Obreira Galega

A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar “emprego e salarios dignos” como único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación. O acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda floral (prevista para as 12.30 horas) aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.

Lugar e hora das mobilizacións

xoves, 5 de marzo de 2015

O Boletín de Servizos Centrais - febreiro/marzo 2015

Boletín sindical da CIG nos Servizos Centrais 

Neste número temos:

- Editorial: Transparencia, por suposto.

- Información vindeiras eleccións sindicais en Servizos Centrais.

- Novas breves.

- Humor (ou non). A Xunta gasta máis de 300.000 € no vídeo de Enrique Iglesias.

Podedes descargar o boletín neste enlace.

mércores, 4 de marzo de 2015

Chamementos inminentes das listas da Xunta para a contratación de 56 técnicos/as de inserción laboral

As tarefas prestaríanse nas diferentes oficinas de emprego de todo o país. Os chamamentos realizaríanse polas listas de persoal interino A2 da Xunta coas titulacións específicas dos chamamentos de 2011 e 2013.

Tal e como viñamos anunciando, o director xeral da Función Pública anunciou o 4 de marzo, na Comisión de Persoal, a contratación de 56 técnicos/as de inserción laboral para as oficinas de Emprego do Servizo Galego de Colocación da Xunta de Galicia coa seguinte distribución por provincias: 15 A Coruña, 11 Lugo, 10 Ourense e 20 Pontevedra.

A duración prevista sería para o exercicio 2015 e realizaríase mediante a modalidade de persoal interino por programa. Xa que logo, non se trata sensu estrictu dunha contratación senón dun nomeamento temporal como persoal funcionario interino.

O procedemento de selección será o establecido polo Decreto 37/2006, a través das listas A2 con requisitos de titulación en Educación social, Traballo Social, Relacións Laborais e RR.HH, Graduado Social.

Datos de flexibilidade e teletraballo na Xunta a 28 de febreiro de 2015

Acheganos a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa os datos mensuais acumulados da flexibilidade e teletraballo na Xunta de Galiza a data de 28 de febreiro.

Respecto ao mes pasado hai un lixeiro repunte nas flexibilidades automáticas concedidas aprobadas que pasan de 25 a 47, ao igual que nas flexibilidades familiares que pasan de 2 a 6. Destaca tamén o teletraballo onde neste mes houbo 5 resolucións favorables por 0 do mes anterior. En ningún dos casos, houbo denegacións neste mes de febreiro.

Aínda así, os datos levan meses en fase estacionaria, con incrementos pequenos e que no caso do teletraballo dista moito do límite das 2.000 potenciais persoas beneficiarias anunciadas pola Xunta.

Entre as 5 resolucións favorables, un mes máis ningunha para o persoal informático. Foron para 1 posto de letrado/a, 1 de asesor/a técnico sanitario, 2 de inspección (Medio Rural e Traballo) e 1 de técnico/a de cartografía.


DATOS RELATIVOS ÁS FLEXIBILIDADES E TELETRABALLO APROBADAS. 28 FEBREIRO 2015

martes, 3 de marzo de 2015

Eleccións Xunta de Persoal: censo definitivo e número de representantes

Dende o día 2 de marzo, está exposto nos taboleiros dos edificios administrativos dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza o censo definitivo, aprobado pola Mesa Coordinadora o pasado día 27 de febreiro, correspondente ás eleccións do persoal funcionario que se van a celebrar o vindeiro 16 de abril.

Por outra banda, determinouse o número de representantes a elixir que ficou, finalmente segundo o artigo 39.5 do EBEP, en 25, o que supón unha baixada de dous representantes debido á proporcional baixada de persoal funcionario que sufrimos nos Servizos Centrais nos últimos catro anos.

O censo definitivo desglosado por mesas queda do seguinte xeito:

Recollida de sinaturas polo mantemento e planificación dos Servizos Sociais Públicos

O Comité Intercentros da Xunta de Galiza, perante a grave situación que está a padecer o persoal dos centros da Consellaría de Traballo e de Benestar da Xunta de Galiza, vén de iniciar unha recollida de sinaturas nos seguintes termos (reproducimos o texto íntegro).

Á/a do Presidente da Xunta, á Conselleira de Traballo e Valedor do Pobo:

luns, 2 de marzo de 2015

Apertura de listas de substitución de persoal laboral e persoal funcionario da Xunta de Galiza

Desde o 1 de marzo e ata o 15 de xullo deste ano está aberto o prazo para apuntarse ás listas de substitución abertas mediante Resolución da Consellaría de Facenda (DOG 27/02/2015).

Na dita resolución aparecen ata catro anexos: as listas que se pechan en determinados corpos/escalas de persoal funcionario, as listas que se abren con esta resolución, as listas que siguen abertas e por último, as listas pechadas onde só se poderán apuntar o persoal que xa prestara servizos na Xunta ou superase algún proceso selectivo.

O incrible na Xunta é que siga a cobrar as elevadas taxas que cobra á cidadanía en xeral por incribirse en todas estas listas, a maioría das cales a penas se moven dadas as limitacións aos chamamentos que establecen a través das sucesivas leis de Orzamentos, as sucesivas amortizacións e as taxas de reposición 0.

O curioso é que o traballo que se presta neses corpos, escalas ou cateogorías laborais hai que realizalo e como non hai persoal público, pois tirán da contratación con empresas privadas, entre outros.

A Xunta utiliza a promoción interna do seu persoal funcionario con fins eleitorais: convocatoria en marzo si ou si



Convocatoria de promoción interna en marzo e novas prazas no OPE de 2015 pero que non se acumularán a esta que se convocará de xeito inminente.

Na última Mesa Xeral, o director xeral da Función Pública afirmou que en marzo convocará as prazas acumuladas de promoción interna separada de corpos xerais correspondentes ás OPEs de 2009, 2011 e 2012, si ou si, haxa ou non acordo cos sindicatos. En breve remitirá os borradores, que leveban en dique seco desde agosto, sen adiantar se ían incluír algunha modificación desde os últimos.

Olvídase o director xeral que xa non se trata do acordo cos sindicatos, senón que os últimos borradores presentados, dos que non queren moverse nin unha coma, supoñen unha falta de acordo coa práctica maioría do persoal funcionario da Xunta. Non se pode vir despois de 5 anos, 5 duros anos de recortes, con semellante proposta, máis parecida a unhas probas de acceso libre que de promoción interna, co mesmo número de exercicios e preguntando, outra vez, temas xa acreditados. Gustaríanos ver unha migiña da mesma dureza noutros procesos para os cales a coladeira é do tamaño da residencia do Presidente da Xunta en Montepío, que como todas as coladeiras na Xunta, pagámolas toda a cidadanía aínda que só as gozan unhas poucas persoas privilexiadas.