NOTA DE PRENSA CONXUNTA CIG-CCOO-UGT-CSIF
A Xunta pretende blindar os postos máis altos de persoal funcionario con xente de confianza ante un hipotético cambio de goberno. Tras a denuncia destas manobras por parte dos sindicatos, o Director Xeral de Función Pública ameazounos co exercicio de accións penais
As organizacións sindicais con representación na Administración Autonómica (CIG, CCOO, UGT e CSIF), alertamos das manobras que está a desenvolver a Xunta de Galicia nos procesos de Promoción Interna, para intentar blindar os postos máis altos do persoal funcionario, con xente da súa confianza, ante un hipotético cambio de Goberno.
Parece que detrás destas manobras da Xunta, está a Asociación de Funcionarios do Corpo Superior (AGRUPA), un “lobby” que naceu para defender os intereses dos seus membros e que conta cunha importante capacidade de influencia sobre Función Pública. Pero, lonxe de dedicarse só á defensa dos temas que lle competen como asociación, intenta suplantar, mediante contactos ou alegacións non oficiais, a representación lexítima dos sindicatos, condicionando un novo modelo de Promoción Interna en prexuízo dos dereitos á carreira administrativa dos funcionarios.
Esta actuación é especialmente grave, xa que, temos sospeitas fundadas de que integran este colectivo xefes de servizo e subdirectores da Dirección Xeral de Función Pública con capacidade de decisión en materia de provisión, selección de postos de traballo, o que compromete a imparcialidade e a independencia de actuación que debe caracterizar aos funcionarios públicos, así como a boa fe negocial. Función Pública pode estar incorrendo deste xeito nunha ilegalidade ao manter negociacións cunha asociación profesional e non coa lexítima representación dos traballadores da Xunta de Galicia (vulneración do dereito a negociación colectiva).
Temos constancia, confirmada polo propio Director Xeral de Función Pública, que AGRUPA, presentou oficialmente alegacións á normativa en materia de función pública (Lei de Emprego Público de Galicia), e de xeito oficioso agora aos proceso de promoción interna así como aos de acceso libre. Parece que a súa “axuda” está sendo inestimable para que Función Pública blinde os postos de xefatura de servizo, agora provistos polo novo sistema de “concurso específico”, unha LD encuberta, e demais postos directivos. A estas alturas xa non hai dúbidas da existencia de intereses políticos para que no proceso de Promoción Interna queden vacantes moitas prazas, sobre todo as dos subgrupos A1 e A2, para dificultar ou limitar o acceso do persoal en igualdade de condicións. O obxectivo é reducir considerablemente os potenciais candidatos para as xefaturas de servizo, subdireccións xerais e postos de persoal directivo.
Para poder deixar desertas estas prazas, Función Pública, ao marxe dos sindicatos, optou por aumentar os exercicios de corrección subxectiva e por fixar temarios moi abertos, en contraposición cos anteriores modelos nos que os aspirantes se examinaban sobre disposicións normativas concretas.
Así pois, xuntáronse, o interese corporativo dunha asociación profesional para evitar a competencia nestes postos de máxima responsabilidade, co interese político da Xunta de deixar “colocada” a súa xente de confianza en postos determinantes. Estes postos, ademais, son os máis favorecidos pola nova lei de Emprego Público, que dificulta o seu cesamento ao implantar a figura do persoal directivo, e polo novo sistema de provisión arbitrario designado como concurso específico.
Politizar e controlar á Administración
Con esta blindaxe, nun eventual cambio de cor no Goberno da Xunta, o actual Goberno tería a posibilidade de seguir controlando desde fóra a Administración a través desta Asociación, á que lle tería moito que agradecer na redacción das convocatorias de procesos selectivos, concursos e normativa en materia de emprego público.
Ante esta denuncia presentada polas OO.SS, a resposta do Director Xeral de Función Pública na Comisión de Persoal celebrada, o día 16 de xuño, foi ameazar con emprender accións legais pola vía penal. Independentemente destas ameazas, os sindicatos manterémonos firmes na defensa dos dereitos e intereses do conxunto dos empregados públicos, así como na denuncia pública, da falta de negociación e das prácticas espurias que perseguen so o beneficio duns poucos, en prexuízo dos intereses xerais dos empregados da Xunta de Galicia, como é a promoción profesional.
Por todo isto, solicitamos que o conselleiro de Facenda asuma a súa responsabilidade política sobre como está xestionando o seu director xeral os asuntos da Función Pública e sobre as ameazas que lle fixo a estas organizacións sindicais por defender o dereito legal da negociación colectiva. Isto non é máis que a punta do iceberg de como se elaboran na Xunta as normas que afectan ás empregadas e empregados públicos, onde previamente son cociñadas con diversos “lobbies”, de dentro ou fóra da Xunta, para logo interpretar unha obra de teatro coa representación legal do persoal e salvar así o requisito legal de ter "negociado".
Fonte: web da CIG-Autonómica
Tamén:
Ningún comentario:
Publicar un comentario