O martes, 2 de xuño, celebrouse a primeira reunión da nova Xunta de Persoal, órgano de representación do persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, logo das eleccións sindicais do pasado 16 de abril.
Conforme ao resultado obtido, a Xunta de Persoal está formada por 11 delegados e delegadas da CIG, 5 da CSIF, 5 de CCOO e 4 de UXT. Un total de 25 delegadas e delegados que representan a preto de 2900 persoal funcionario. Máis infomación sobre o resultado das eleccións pinchando neste enlace.
Nesta primeira xuntanza elixíronse os novos cargos de presidente/a e secretario/a do órgano e ratificouse o regulamento de 27 de xuño de 2012. O posto da presidencia recae no noso compañeiro Anxo Anta, por parte da CIG, así mesmo, a secretaría será ocupada por Juan Loureiro da UXT, logo do acordo ao que chegamos entre as dúas organizacións sindicais.
Ábrese unha nova etapa na Xunta de Persoal, logo dos duros tempos que sufrimos todas e todos os empregados públicos coa política austericida do Partido Popular na Xunta de Galiza, a lei de medidas de febreiro de 2012, a supresión da paga extra dese ano, as conxelación e recortes nos complementos, pagar por enfermar a supresión de días de asuntos propios, vacacións... todas aquelas conquistas laborais que este goberno amigo dos narcotraficantes e dos corruptos nos roubou. E isto non remata aquí, xa que acaba de publicarse unha Lei do Emprego
Público que habilita a continuar nesta senda da pobreza e dos recortes
nos Servizos Públicos.
Iso sen deixar de lado os constantes e gratuítos ataques nos medios contra a figura do persoal funcionario, todo a favor da privatización do noso traballo, na que agora se está demostrando que obteñen pingües beneficios.
A CIG, como sindicato maioritario, asume a responsabilidade de levar adiante a loita que nos permita ir recuperando canto antes todos e cada un destes dereitos perdidos. Pero para iso necesitamos contar con todas e todos: traballadoras, traballadores e diferentes organizacións sindicais. É por iso que cremos que dende a unidade, o entendemento e a confianza debemos afrontar este camiño.
Contamos con vós, contamos contigo, entre todas e todos ímolo conseguir.
A Xunta de Persoal, como non pode ser de outro xeito, está ao servizo do persoal funcionario e na defensa dos Servizos Públicos de prestación directa que facemos posible.
Correo de contacto: xuntadepersoal.sscc@xunta.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario