Puido ser unha metedura de pata, un quero pero non podo, tamén pode ser que non o tivese falado cos que mandan de verdade... O caso é que onte, na xornada de San Xoán, mentres os últimos fumes aínda saían das cacharelas que asaran churrasco, chourizos e
até sardiñas na noite anterior, fontes que citaban ao mismísimo Rajoy aseguraban que nos ían devolver o 75% daquela paga
extra que nos roubaron en 2012. Tamén falaban de que nos ían a restituir algún día de asuntos propios, algún canoso e mesmo se estudaba un mínimo incremento retributivo.
Pero no medio da mañá, apareceu o secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón, apagando as brasas e dicindo que o Goberno non planeaba «neste momento» reintegrar esa paga extra. Ayllón manifestou tamén a súa sorpresa por esas informacións.
E non acabou o conto aí, xa ao final da mañá, apareceu neste caso o amigo Montoro considerando incorrecta a información anterior pero asegurando que a intención do Goberno Central era devolver ese cacho de paga extra na medida en que as posibilidades orzamentarias, esa marxe da que falan, o fagan posible. Unha coña.
De que vai esta tropa? Como mínimo están a xogar con nós, é como se un tipo nun bar di que vai convidar á ronda, cando toca pagar di que non, que iso non é así pero cando ve a cara de flipados do resto da xente di que pagará en función do que teña no peto. Nun bar este tipo tería moitas posibilidades de que lle partisen a cara a determinadas horas da noite. No noso caso, como presuntos "convidados", xa arrastramos moitos choteos como para aguantar imbecilidades deste estilo.
Agora queren congraciarse con nós, despois de recortes e insultos gratuitos que falaba de que non eramos tan eficientes como "a empresa privada", que por eso privatizaban. Nada tiña que ver o cazo, as comisións, os sobres e a financiación ilegal que recibían das empresas ás que regalan a prestación dos servizos públicos. A nosa dignidade non é recortable pero tentaron recortala unha e outra vez, desde unha superioridade moral que o tempo se encargou de demostrar que non tiñan.
Agora queren congraciarse con nós, despois de recortes e insultos gratuitos que falaba de que non eramos tan eficientes como "a empresa privada", que por eso privatizaban. Nada tiña que ver o cazo, as comisións, os sobres e a financiación ilegal que recibían das empresas ás que regalan a prestación dos servizos públicos. A nosa dignidade non é recortable pero tentaron recortala unha e outra vez, desde unha superioridade moral que o tempo se encargou de demostrar que non tiñan.
Que se aclaren, queren devolvernos ese 75 % xa? pois adiante, imos arranchar co que nos dean, non por outra cousa que porque sinxelamente iso é noso, non é ningún agasallo. Evidentemente non nos imos esquecer de todo o resto que nos roubaron, iso que o teñan claro, pero cremos que hai que ser serios. Lembremos, por outra banda, que a presión xudicial por parte das organizacións sindicais
foi a que obrigou ao Partido Popular a devolver ese escaso 25% este ano, iso que cobramos en
xaneiro e maio. Tampouco foi ningún agasallo.
As casualidades e os erros de comunicacións son difíciles de entender no máximo nível do poder do estado, semella unha falta de coordinación, pero é complicado que isto sexa así. Está claro que algo están a manexar e están a tantear, non só aos empregados e empregadas públicas, senon tamén a eses poderes que marcan as liñas económicas, a ver até onde se pode chegar.
O que está aínda máis claro é que non hai como facer perder eleccións para que nos veñan a continuación, sen tardar moito, con previsibles agasallos en forma de recuperacións salariais e de devolución de dereitos recortados. Non hai como poñer contra as cordas a estes gobernos austericidas para que che empecen a falar noutra linguaxe. Tendo iso asumido xa temos algo gañado.
Tamén temos que ser conscientes de que estes tipos non pensan en que ti ou eu, ou que no resto de compañeiras e compañeiros nos esquezamos de todo o que nos levan feito e mudemos o voto para o PP. Non, eles ben saben que non, pero si que están a xogar a vender unha imaxe de recuperación económica global na que entra esta estratexia de darnos estas faragullas, que a fin de contas non é máis que recuperar parte do xa era noso.
E na Galiza, que pasa? onde está o amigo Feijóo? pois pase o que pase irá a remolque do que lle digan en Madrid, nunca nos dará nada a maiores, ao contrario, lembremos que nós sufrimos actualmente un recorte maior do que sofre o persoal do Estado: o específico nas extras e a Lei de Medidas no Emprego Público.
En fin, que se deixen de parvadas e de declaracións contraditorias, se queren facer algo que negocien en serio, para iso hai unhas canles establecidas a través das mesas de negociación. O que lle conten ou filtren á prensa a nós non nos dá de comer, o que nos dá de comer é o que se publica no BOE e no DOG, aí é onde queremos ver plasmada a recuperación salarial e o restablecemento de todos os dereitos perdidos e até que o fagan mellor que estean caladiños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario