Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 29 de xuño de 2015

A CIG convoca concentracións en todas as comarcas o 1 de xullo contra a entrada en vigor da Lei Mordaza




Con motivo da entrada en vigor o próximo mércores, 1 de xullo, da Lei de Seguridade Cidadá, a CIG ten convocadas concentracións en todas as comarcas en rexeitamento a unha normativa a través da que o PP pretende amordazar a loita obreira e a mobilización social, convertendo os conflitos laborais en conflitos de orde pública, deseñando un novo e amplo catálogo de sancións e reducindo, pola vía administrativa, as garantías xurídicas.


A CIG considera que con esta reforma da lei de seguridade cidadá, o PP devólvenos a tempos pasados nos que a represión e a censura eran a forma de coartar as liberdades públicas. Denuncia que o “descarado obxectivo” desta lei é a “represión e criminalización da resposta social” e alerta de que vai provocar unha volta atrás, sen precedentes, para o exercicio de dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Denuncia a represión e limitación da mobilización social; a supresión das garantías que tiña a vía penal, como a presunción de inocencia, e a total indefensión que en diante se xera ao dárselle presunción de veracidade aos informes policiais.

Para a central sindical a “lei mordaza” converte os conflitos laborais en conflitos de orde pública e introduce un catálogo de faltas ou infraccións que non pondera as circunstancias especiais que concorren no exercicio dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e de folga, o que pode producir efectos contrarios á propia Constitución.

Alerta da impunidade que isto outorga á policía fronte á contestación social e denuncia que se pon en mans do goberno un mecanismo de sancións abusivas que ademais, deberán ser pagadas aínda que logo haxa a posibilidade de as recorrer pola vía do contencioso, impondo un castigo económico inmediato co obxectivo de afogar así a mobilización social.

Denuncia tamén a limitación que isto supón para articular unha resposta inmediata, e ás veces mesmo espontánea, a determinadas decisións políticas ao considerar como “perturbación” mobilizarse diante de institucións do Estado, o Parlamento de Galiza ou mesmo os tribunais se non está comunicada con 10 días de antelación.

Alerta de que en diante considerarase falta grave parar un desafiuzamento, “desobedecer á autoridade”ou actuar nun piquete de se considerar que houbo coacción á folga.

Para a CIG o PP pretende garantirse instrumentos que lle permitan actuar de forma directa sobre os movementos sociais sen agardar que iso poida ir pola vía penal, convertendo o conflito social que eles mesmos provocan nun continuo conflito de orde pública. Un ataque brutal, en síntese, a dereitos sobre os que se asenta a participación democrática: liberdade de expresión, de reunión, de manifestación e de folga.

Infraccións moi  graves

A Lei penaliza as consideradas faltas moi graves con entre 30.001 e 600.000 euros de sanción e considera como tal manifestacións non comunicadas ante infraestruturas críticas ou celebrar espectáculos públicos quebrantando a prohibición ordenada pola autoridade correspondente, entre outras.

Ademais recolle que a responsabilidade será de “organizadores ou promotores”: sindicatos, comités de empresa, delegados/as de persoal, seccións sindicais e mesmo a asemblea de traballadores/as”, o que pode conducir doadamente á súa asfixia económica.

Infraccións graves

As infraccións graves poden ser sancionadas con multas de 601 a 30.000 euros. Como tales considéranse as concentracións diante do Parlamento; a solidariedade en casos de despexos ou a presenza de traballadoras/es ou representantes sindicais en infraestruturas ou instalacións que presten servizos básicos para a comunidade.

Infraccións leves

Para estes casos a lei contempla sancións de até 600 euros e considera como tales a ocupación de calquera inmóbel en contra da vontade da/o seu titular; colocar un adhesivo nun ben público ou privado sen necesidade sequera de denuncia do propietario; as faltas de respecto e consideración que teñen como destinatario un membro das forzas e corpos de seguridade do Estado ou non ter a documentación persoal legalmente exixida ou non denunciar o seu roubo ou perda, entre outros.

 Horarios e lugares:

 - A Coruña, ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno.

 - Ferrol, ás 11:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza.

 - Lugo, ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.

 - Vigo, ás 11:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza

 - Compostela: ás 12:00 horas diante da sede do PP (Rúa Alfredo Brañas)

 - Ourense: 11:00 horas diante da Subdelegación do Goberno

 - Pontevedra: 11:30 horas diante da Subdelegación do Goberno

Ningún comentario:

Publicar un comentario