Durante a manifestación, convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio de SOS Sanidade, reclamouse a dimisión da conselleira
Ducias de milleiros de persoas -unhas 200.000 segundo datos da organización e da Policía Local- colapsaron hoxe o centro de Vigo nunha histórica manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio da plataforma SOS Sanidade Pública -da que fai parte a CIG- para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade e en defensa da sanidade pública ante a política de privatizacións da Xunta do PP. Durante o percorrido, que rematou na Porta do Sol cando a cola da marcha aínda non arrincara do hospital Xeral, reclamouse a berros a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da área sanitaria.
Galería de imaxes da mobilización
Milleiros de milleiros de veciños/as de Vigo e das comarcas da contorna secundaron o chamamento feito polos profesionais da sanidade pública e botáronse masivamente á rúa para rexeitar os recortes introducidos no proxecto do novo hospital cidade -bautizado como Álvaro Cunqueiro- e en defensa da área sanitaria ante as privatizacións que está a acometer o Goberno que preside Núñez Feijóo.
A manifestación, unha das máis multitudinarias da historia viguesa, arrincou media hora antes do horario previsto (as 20.00 horas) para evitar o colapso das rúas adxacentes ao hospital Xeral e deste xeito facer posíbel o tránsito dos participantes. Con todo, milleiros de persoas non puideron chegar até a Porta do Sol, lugar onde rematou a marcha coa lectura dun manifesto a cargo do xornalista Xabier Fortes e do músico Eladio Santos. O acto pechouse coa interpretación do himno galego dúas horas despois a pesar de que a cola da manifestación aínda se atopaba cando menos a un quilómetro de distancia.
Durante o percorrido, que foi amenizado por grupos de gaiteiros/as, os berros máis escoitados reclamaban a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e rexeitaban a privatización do novo hospital e da área sanitaria. “A privatización é corrupción” ou “O Álvaro Cunqueiro é unha estafa” foron as consignas máis coreadas polos asistentes, que nalgúns casos portaban tamén pancartas alusivas aos problemas detectados nos últimos días no centro médico, como a aparición de ratos ou a escaseza de material. O aparcamento de pago foi outra das cuestións que máis rexeitamento provocou entre a multitude.
Recuperar o hospital para a sanidade pública
O propio manifesto ao que se deu lectura ao remate da mobilización -na que participou o secretario xeral da CIG e a secretaria nacional da federación de Saúde- recollía as principais eivas detectadas polos profesionais tras a posta en marcha do centro: teitos que se desprenden, fugas de auga, consultas pequenas, instalacións nos adaptadas ao traballo a realizar, áreas de illamento que non cumpren as condicións mínimas, ausencia de material para garantir a seguridade e a capacidade de resposta diante de emerxencias, comidas frías, escasas ou ausentes, auga da billa do baño ou se non comprada a un euro, etc.
As críticas ao modelo utilizado pola Xunta para construír e xestionar o centro tamén ocupou unha parte importante do discurso final, xa que a Consellería de Sanidade adxudicou un contrato de 1300 millóns de euros á empresa concesionaria para proxectar, construír e explotar os servizos do novo hospital mentres que a construción do hospital público custaba 400 millóns. Ademais, segundo o departamento autonómico, o centro recentemente estreado tería 1465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e as 117 do Nicolás Peña farían un total de 2004 camas. Mais a realidade é ben distinta, xa que o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e no Nicolás Peña a 68, polo que disporemos 1260 camas, o que supón 744 menos das prometidas e anunciadas.
“A sociedade galega seguirá a se mobilizar até recuperar unha sanidade pública universal e de calidade. Temos que recuperar o novo hospital de Vigo para a sanidade pública, temos que recuperalo para convertelo no noso hospital, onde os traballadores/as desenvolvamos o noso labor con dignidade e as persoas poidan acudir sen prezos abusivos por aparcamentos ou servizos e reciban a atención sanitaria digna e de calidade que merecen”, remataba un manifesto que foi moi aplaudido por todos/as os presentes.
Novas relacionadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario