Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 2 de setembro de 2015

Manifestación contra os recortes no novo hospital de Vigo e en defensa da Sanidade Pública

A plataforma SOS Sanidade Pública apoia a mobilización que terá lugar este xoves día 3


A Xunta de Persoal do Chuvi chama o conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá do hospital Xeral de Vigo este xoves día 3 de setembro ás 20.00 horas para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade en defensa da área sanitaria. A plataforma SOS Sanidade Pública, que apoia a mobilización, mantivo semanas atrás unha xuntanza cos grupos parlamentares de BNG, AGE e PSOE e con Podemos para que participen da protesta e se fagan eco das denuncias do colectivo.
A manifestación, que percorrerá as rúas de Vigo este xoves 3 de setembro baixo o lema 'Contra os recortes no novo hospital... defende a área sanitaria', partirá do hospital Xeral ás 20.00 horas e rematará na Porta do Sol. Trátase dunha mobilización promovida pola Xunta de Persoal do Chuvi que conta co apoio de SOS Sanidade Pública, plataforma que mantivo unha xuntanza cos grupos parlamentares de BNG, AGE e PSOE e con Podemos para que participen da protesta e se fagan eco das denuncias do colectivo.

Os promotores/as denuncian que o resultado final do novo hospital da cidade, cuxo traslado foi suspendido polo Sergas a semana pasada, “empeora as previsións” da plataforma xa que a recén estreada infraestrutura “non vai ser capaz de atender as necesidades” dunha área sanitaria viguesa que padece un “déficit estrutural” xa que a atención primaria “segue a ter os mesmos problemas”.

Neste senso, lembran que a área de Vigo conta coa maior lista de espera cirúrxica do país, algo que -segundo sosteñen- non vai mudar co novo centro médico, como tampouco o fará a saturación das Urxencias. Consideran que a apertura do cuarto hospital da cidade “consolida unha oportunidade perdida” xa que o centro non vai ser punteiro “nin en investigación nin en docencia”, ademais de carecer cun laboratorio central.

Ademais, sinalan os importantes recortes ao que foi sometido incluso o proxecto presentado polo propio PP: contará unicamente con 845 camas de hospitalización, o que supón unha rebaixa de máis do 30% das previstas. Deste xeito, a área sanitaria viguesa verá reducidas en 517 este tipo de camas, xa que tamén se eliminan no Meixoeiro e no Nicolás Peña.

O novo hospital verá mermado nun 55% o número de camas de Urxencias, mentres que a superficie destinada a este servizo rebaixase nun 25%. “A isto hai que sumar as privatizacións de servizos que quedarán en mans de Povisa”.

Diante disto, os grupos parlamentares comprometéronse a trasladar as denuncias dos profesionais sanitarios, así como a recuperar o proxecto inicial do novo hospital e a xestión pública do mesmo no caso de que accedan ao goberno da Xunta.

Apoio do colectivo de xubilados/as da CIG

Por outra banda, o colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG amosou o seu rexeitamento á xestión do novo hospital “porque lle ocasiona uns gastos extras a un colectivo que xa non goza de ingresos adecuados e ao que se suma a maior necesidade de servizo médicos, unha peor mobilidade a causa da idade e outros inconvenientes propios da idade”.

Diante disto, demándan da Xunta que corrixa as múltiplas deficiencias que se observan no novo centro médico, que posibilite o estacionamento gratuíto, que evite o incremento esaxerado dos prezos de servizos complementarios (cafetaría fundamentalmente) e que teña en conta as necesidades das persoas de máis idade.

“Para facer patente as nosas reivindicacións chamamos a pensionistas e xubilados/as a sumarse á manifestación convocada xuntamente con outros colectivos este xoves día 3 contra a privatización do hospital que levou a cabo o PP e que trae estas nefastas consecuencias que comentamos”, rematan.
Visto en: http://www.galizacig.gal/avantar/novas/1-9-2015/o-persoal-do-chuvi-chama-a-participar-na-manifestacion-contra-os-recortes-no-novo-hos
Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario