Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 11 de setembro de 2015

Mobilizacións domingo 13 - SOLIDARIEDADE GALEGA COAS PERSOAS REFUXADAS

En Compostela a mobilización terá lugar ás 12h na praza do Obradoiro


Ante a crise humanitaria que se está a vivir en Europa, a CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas (pola CIG, CCOO, UGT, BNG, EU, ANOVA,  PSOE, Podemos e Asemblea de Cooperación pola Paz.) para este domingo, 13 de setembro, en apoio ás persoas refuxiadas e desprazadas. As manifestacións e concentracións, convocadas por organizacións sindicais, políticas e sociais e abertas á novas adhesións, realizaranse nas sete cidades galegas.

Nas últimas semanas estamos a ver a diario na prensa como milleiros de persoas tentan chegar a Europa na procura de protección, empurradas polas inhumanas condicións que sofren nos seus países de orixe ou polas situacións de conflito bélico das que se ven obrigadas a fuxir.

Non cómpre perde de vista que estas persoas foxen dos seus países como consecuencia da guerra e destrución causada polas sucesivas actuacións imperialistas dos EEUU e dos seus aliados europeos;  sendo os responsábeis últimos desta situación de emerxencia humanitaria.

Porén, nun exercicio de cinismo e hipocrisía absoluta, os Estados e institucións europeas non están respondendo adecuadamente a esta crise humanitaria, mesmo dándose casos de gobernos que promoven ou practican actuacións que vulneran os dereitos e tratados internacionais a respecto das persoas refuxiadas ou desprazadas.

É urxente que se poña fin á guerra en Siria e as intervencións militares dos Estados Ocidentais na zona, especialmente no Kurdinstán e se promovan activamente a vía pacífica e a negociación para lograr a resolución dos conflitos respetando sempre a soberanía dos pobos. Así mesmo, é urxente a retirada de todas as forzas militares norteamericans e estranxeiras dos países de Oriente Próximo e Norte de Africa.

Europa e o Goberno español non pode ficar agora impasíbel ante semellante crise humanitaria. É vergonzoso que as institucións europeas se mostren incapaces de acoller en condicións dignas as 400.000 persoas que, segundo EUROSTAT, chegaron en situación de risco ou persecución no que vai deste ano 2015.

Por todo isto, e baixo o lema «Solidariedade galega coas persoas refuxiadas», a CIG anima a participar nas mobilizacións que esta fin de semana terán lugar en toda Galiza.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:

- A Coruña: ás 12 h, praza da Palloza.

- Ferrol: ás 12 h, praza de España.

- Santiago de Compostela: ás 12 h, praza do Obradoiro.

- Lugo: ás 12:30 h, Subdelegación do Goberno.

- Ourense: ás 12 h, Subdelegación do Goberno.

- Pontevedra: ás 12 h, praza da Ferreiría.

- Vigo: ás 12 h, Museo de Arte Contemporánea (MARCO).

Ningún comentario:

Publicar un comentario