Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 7 de setembro de 2015

PRONUNCIAMENTO DA XUNTA DE PERSOAL FUNCIONARIO DOS SERVIZOS CENTRAIS DA XUNTA DE GALICIA EN APOIO AO SECTOR LÁCTEO GALEGO

A partires de hoxe, moitas e moitos de nós, daqueles e aquelas que traballamos en Compostela, imos vérmonos afectados pola tractorada que os gandeiros e gandeiras están a levar adiante na nosa cidade. Isto vainos traer dificultades de acceso ao posto de traballo e aos nosos domicilios, calquera desprazamento que fagamos estes días vais estar condicionado por esta mobilización.

Pero, dende a CIG, entendemos que temos que ser comprensivos con estas circunstancias, moito pior está toda a xente que vén estes días montados nun tractor. De seguro que estarían moito máis cómodos nas súas casas pero até cando poden aguantar? non vai sendo hora xa de dar unha solución para o rural do noso país? para a Nosa Terra? para a nosa xente?

Agardemos que a loita do rural serva, en primeiro lugar para dar unha solución satisfactoria ás traballadoras e traballadores do sector primario, tan puteado polas políticas neocóns e en segundo lugar, para que esta loita poida sachar na conciencia do pobo e empecemos a traballar todas e todos xuntos pola nosa liberación e pola nosa autosuficiencia económica.

QUEREMOS TRABALLAR, NON EMIGRAR!

Polo noso futuro, APOIA AS MOBILIZACIÓNS DO SECTOR GANDEIRO

PRONUNCIAMENTO DA XUNTA DE PERSOAL FUNCIONARIO DOS SERVIZOS CENTRAIS DA XUNTA DE GALICIA EN APOIO AO SECTOR LÁCTEO GALEGO

Desde este órgano de representación do persoal funcionario facemos un chamamento a todas e todos os empregados públicos, nomeadamente a todas e todos aqueles que traballamos en Compostela, para que se apoie solidariamente todas e cada unha das accións que se van desenvolver a partir do luns 7 de setembro en defensa dun sector tan importante para o noso país como o é o da produción de leite na mobilización impulsada pola Plataforma en defensa do sector lácteo.

O conxunto das empregadas e empregados públicos non somos alleos ao proceso de desmantelamento e sometemento que os poderes empresariais están a conducir ás gandeiras e gandeiros, provocando o éxodo e o exterminio do rural galego.

Por iso, como traballadores e traballadoras do público, porque a nosa función principal é o servizo á cidadanía, chamamos ao persoal traballador en xeral e tamén ao que se poida ver afectado polas mobilizacións que se van desenvolver na nosa cidade a partires deste luns, a que secunde esta causa, que é de todas e todos, e un chamamento tamén á comprensión e á sensibilidade por calquera molestia que esta mobilización poida provocar no desenvolvemento das nosas tarefas.

Dende a Xunta de Persoal, cremos que este é un momento crucial para a vida e supervivencia dun sector chave do noso país e por iso cremos que non debemos de sentírmonos alleos e entendemos que temos que participar, dun xeito ou doutro, na loita que as gandeiras e gandeiros están a levar a cabo dende, por desgraza, xa hai moito tempo.

Así mesmo, facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que asuma e leve adiante solucións que satisfagan as demandas que o sector está a reclamar constantemente. Mentres en Estados do noso entorno -aí está o caso de Francia-, as autoridades non se agochan en obstáculos legais e se poñen en marcha acordos coa industria e a distribución que permitan subir o prezo que reciben os produtores/as, a situación do sector en Galicia é dramática, con prezos que en tantísimos casos non cobren custes de produción.

Agardamos, polo tanto, que estas mobilizacións dean o froito desexado.

Compostela, 7 de setembro de 2015
O presidente da Xunta de Persoal
Anxo Anta  Rodríguez


Máis información e o calendario de mobilizacións en Compostela neste enlace.

Ningún comentario:

Publicar un comentario