Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 16 de decembro de 2014

Datos de absentismo: ata cando imos seguir pagando por enfermar?

Recentemente La Voz de Galicia publicaba unha nova sobre o “absentismo” na Xunta de Galiza antes e despois da entrada en vigor do desconto por enfermidade. Non é a primeira vez, e supoñemos que non será a última. Non entendemos moito onde fica novidade xa que os datos que facilitan son do 2012 e 2013. En calquera caso serve para poñer de manifesto dúas cousas: que a lei de medidas segue plenamente en vigor e que a Xunta gusta airear os datos das nosas incapacidades temporais á prensa.

O persoal da Xunta fomos o primeiro persoal público en ver recortado o noso salario en situación de incapacidade temporal. A Lei de Medidas entraba en vigor na Xunta a comezos de marzo do 2012. En principio estaba pensado un nivel de recorte por enfermidade moito maior que conseguiu botar para atrás unhas fortes mobilizacións.

Posteriormente en xullo dese ano o RD 20/2012 indicaba ese mesmo camiño que xa coñecíamos na Xunta polo que debían seguir o resto de Administracións Públicas. Desde 2012 cambiou a situación macroeconómica, e a pesar do recollido na disposición final da lei autonómica, a consellaría de Facenda negouse ano tras ano a revisala nin sequera neste aspecto tan polémico de pagar menos en certas situacións de incapacidade temporal.

Mentres outras Administracións amortecían o impacto dos casos nos que se perdía o salario completo ao estar en situación de baixa, a Xunta aplicaba a casuística menos humana e máis puramente económica. Así, mentres na Xunta unha enfermidade infectocontaxiosa, unha rotura dunha perna, unha enfermidade psiquiátrica ou calquera afección crónica ou dexenerativa de orixe non laboral supón desconto, por exemplo, na USC, non. Polémico resulta tamén  o desconto aplicado por algúns departamentos da Xunta nos 2 días seguintes de baixa a unha amniocentese.


Está ben que se fale de recuperar as pagas extras pero o verdadeiro "cilicio de de castigo exemplar” para as traballadoras e traballadores públicos da Xunta fica nesta medida inxusta e que tenta facer da desgraza persoal un método de aforro. Así, pois, con carácter xeral as baixas de menos de 20 días que non impliquen hospitalización supoñen un desconto do 25% nas retribucións. Este desconto pode ser de entre o 50 e o 100% os 3 primeiros días de baixa.

De todos os xeitos, relacionar a redución das baixas médicas co aforro é contraditorio, sobre todo na Administración Xeral onde non se cobren as baixas; de feito, ata non se cobren habitualmente, entendemos que por desidia, as escasas baixas de maternidade, que son subvencionas 100% pola Seguridade Social. De todos os xeitos, e con carácter xeral, nos postos da Administración autonómica estas baixas de corta duración non soen ser cubertas, a pesar de que, en casos como Sanidade ou Ensino non existen límites Orzamentarios.

Ao non contratarse persoal substituto, o aforro será con cantas maior número de baixas, aínda que cunha perda evidente da prestación destes servizos públicos. Resulta lóxica a relación causa-efecto de que se recortas o salario ao coller determinadas baixas, a xente vai acudir como sexa ao centro de traballo, máis na situación actual de empobrecemento xeneralizado.

Agora ben, como vai esas persoas a traballar e como é a baixada na calidade e cantidade do seu traballo? Que nos atenda un persoal con neumonía ou deprimido que só vai para que non lle desconten pero non está para traballar, non da moitas garantías dun bo servizo... a persoa que está sa, a persoa que está feliz, a persoa que se sinte valorada no seu traballo, fai un traballo de máis calidade e por tanto resulta máis produtiva, sexa na pública ou na privada.

Seguimos insistindo na necesidade urxente de revogar a actual lei de medidas, comezando pola máis inxusta e regresiva de todas: o desconto por enfermidade. Unha sociedade moderna é aquela que protexe aos membros en situación de maior debilidade, non aquela que se desentende deles.

Por outra banda, insistimos en que deixen de xogar politicamente cos datos das baixas médicas do persoal. A pesar de que se lle pediu por activa e por pasiva os datos de “absentismo” xustificado e non xustificado, nunca responden, pero para pasarllos á prensa non perden o tempo. Entendemos que o que subxace aquí é un interese de ver reforzada unha mensaxe falaz e interesada de que nas Administracións públicas a xente collía demasiadas baixas. Recordamos que as baixas médicas expídeas un facultativo médico e teñen os mecanismos de control e revisión establecidos regularmente. Desde logo, que deben perseguirse as fraudes, e modificar os mecanismos de control, o que non pode ser é xeneralizar e menos cun tema tan delicado como a saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario