Achéganos a Administración unha proposta de modificación da relación de postos de traballo da Vicepresidencia e da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas. Nesta proposta temos un balance de 13 creacións de postos públicos e 21 amortizacións. De novo e, a pesar do anuncio de recuperación, seguen cos recortes nos postos de traballo públicos.
Desta volta, o que se propón é a amortización de 21 postos vacantes e sen ocupar (consonte á memoria funcional) de niveis base (13 postos base C2, 1 posto base A1) e de oficios (6 postos de limpador/a, 1 posto de condutor/a) para crear 13 postos de "xefe/a" (9 de negociado, 2 de sección e 2 de servizo).
Desde un punto de vista puramente de carreira profesional ter máis postos de nivel por concurso é boa cousa, tendo en conta que toda a nosa carreira administrativa radica nos concursos cada 3 anos (con sorte) e nalgunha que outra convocatoria de promoción interna (que ten o mesmo número de exames que acceso libre). De feito, estes 11 novos postos de concurso son outras 11 novas razóns para convocar no ano 2015 un novo concurso de traslados de Administración Xeral e tamén de Especial (unha das seccións está aberto á Administración Especial).
Agora ben, en canto á organización dos recursos públicos, o que temos aquí é a clásica pirámide invertida similar á pirámide demográfica galega; unha redución consciente da base da pirámide para facela máis grande por arriba, o cal dificulta a atención dos servizos públicos con medios propios. Canto máis se sube na pirámide os recursos son máis caros, polo que temos unha destrución neta de 8 postos de traballo público da base. A nivel organizativo isto está formando multitude de unidades administrativas con cada vez menos xente ou xefes e xefas que non teñen sobre quen mandar.
Ao non haber ofertas públicas de emprego para traballos de oficio ou de corpo auxiliar, estes postos non se cubren e quedan vacantes e o seu traballo privatízase. Esta privatización ten dous elementos de sobrecuste que se achega ao 30%: o IVE e o beneficio empresarial. Pero a ninguén se lle escapa que as privatizacións son moi apetecíbeis para un sistema corrupto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario