Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

martes, 23 de decembro de 2014

Os EREs na Xunta e a vixencia dun convenio caducado

Recentemente tivemos coñcemento de dous temas que son de interese para o persoal laboral da Xunta de Galiza, tanto con relación aos expedientes de regulación de emprego (EREs) como a vixencia dos convenios colectivos caducados.

Os EREs na Xunta

O 2013 foi un "annus horribilis" para o persoal laboral na Xunta de Galiza, especialmente para o persoal de Traballo e Benestar, e tamén para a prestación dos servizos sociais destas dúas áreas. Foron amortizadas centos de prazas e 59 persoas acabaron na rúa. Daquela a consellaría defendera que non había despedimentos senón amortizacións e que ao tratarse dunha restructuración que non se podía falar de ERE.

Pois ben, das traballadoras e traballadores despedidos, algúns decidiron seguir loitando e isa loita veu a dar os seus froitos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de odear a readmisión dunha traballadora social afectada pola amortizacións de prazas en Traballo e Benestar

O Tribunal considera que esta amortización é nula de pleno dereito por non respectar o procedemento de despedimento colectivo previsto nos artigos 51 e 52 do Estatuto dos Traballadores na súa redacción vixente dende a súa reforma de xullo de 2012.

A vixencia dos convenios caducados pendente dunha sentenza do Tribunal Supremo

No 2012 produciuse a última gran reforma laboral que remataba coa ultractividade dos convenios colectivos. Agora ben, quedaba a "dúbida" de que pasaba cos convenios que xa estaban en vigor antes da reforma que aínda que caducados tiñan cláusula de prórroga automática.

Apareceu recentemente información con relación a unha sentenza do Tribunal Supremo (TS) da que se difundiu unha información errónea. Compre aclarar que, pese a que a cuestión está neste tribunal, o TS non sentenciu aínda que se manteña a vixencia dos convenios caducados. O que si sentenciu é que as condicións dun convenio caducado e sen cláusula de renovación, mantéñense coma condicións de contrato. O cal, aínda que bo, non o é tanto, tendo en conta a facilidade actual para rescindir ouncontrato laboral.

No Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galiza* vemos que aínda que na teoría se mantén a súa ultractividade, na práctica, e vía lei de medidas e orzamentos, se foron arrincando sucesivas páxinas do convenio, como por exemplo o artigo 19 do descanso en domingos e festivos (vía lei de orzamentos de 2015 eliminado tamén para o persoal de incendios). 

Neste caso, e chegados ao Tribunal Supremo, este lle veu dar a razón a Xunta de que por cuestións orzamentarias e vía lei poden acabar cargándose as condicións pactadas no convenio que "foran necesarias". Razón esta pola que a Xunta tampouco lle preocupa moito nin denunciar o convenio nin a futura sentenza do TS sobre a ultractividade ou non dos convenios colectivos caducados con prórroga automática.

*O V Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galiza caducou o 31 de decembro de 2009 pero ten establecida un cláusula de prórroga automática, non producíndose até o momento denuncia escrita de ningunha das partes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario