Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 22 de maio de 2015

Pode un funcionario facer 435 horas extras en seis meses?

Pois si que pode, e por isto pode cobrar consecuentemente 7.260 € por horas extras entre xullo e decembro do ano pasado en concepto de "TAREFAS DE APOIO ADMINISTRATIVO".

E por que pode? Igual pode porque traballa no gabinete da conselleira de Sanidade, igual pode... pero... como fai? porque botando unha conta moi sinxela resulta que hai unha persoa que estivo facendo durante todo este tempo unhas catro horas diarias, sen descanso, día a día, nun réxime de semi esclavitude que xa de por si debería de ser denunciable. Como pode traballar un/unha funcionario/a 11 horas diarias?

A ver se é que por culpa dese réxime de semi-esclavitude hai que traer diariamente para ese gabinte, o xantar dende a Bodeguilla de San Lázaro, non vai ser que perdan algún tempo e non compute como hora extra.

Pois nada, ademais 7.000 e pico largos euros para o bote. Mira ti, o concepto de "gratificacións por servizos extraordinarios" para que se utiliza, para untar a determinadas persoas en diversos cargos de "confianza"? semella que si. Se hai unha necesidade tan grande de traballo, sexa onde sexa, que creen unha praza, que chamen a alguén das listas por acumulación de tarefas, calquera cousa, pero de que xeito se pode defender ou amparar accións deste estilo?

Vimos de pedirlle á Consellaría de Sanidade unha expliación, que nos detallen de que tipo de tarefas de apoio estamos a falar, que horario ten esta persoa, se hai máis horas extras noutros periodos, en definitiva, que nos expliquen de que vai isto.

Semella, segundo a información que temos, que os traballos están xustificados e que hai certificacións e memorias ao respecto. 

As diferentes varas de medir do goberno dos recortes as empregadas e empregados públicos con respecto ao persoal da súa máis directa confianza dá noxo. Para os curritos leña: paga extra recortada, conxelación salarial, promoción interna como se viñeses da rúa, apalancando prazas no concurso, avaliacións do rendemento... pero para outros e outras, xa vemos como as gastan.

O artigo 22 da Lei11/2014 de 19 de decembro de orzamentos xerais da Xunta, di que "as gratificacións extraordinarias terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servizos extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo, sen que, en ningún caso, poidan ser fixas na súa contía nin periódicas na súa devindicación."

De xullo a decembro do ano pasado, unha soa persoa, 435 horas extras, xa poden ir explicando como casa isto co que di a lei.

Ningún comentario:

Publicar un comentario