Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

luns, 25 de maio de 2015

Pagar por enfermar e outros recortes que ían ser temporais e converteron en permanentes coa lei de emprego público

En caso de enfermidade grave, completarase tamén o salario ata o 100% desde o primeiro día se houber baixa laboral.

En febreiro de 2012 a Xunta elaborou un proxecto de lei que ía ser temporal polas "extraordinarias circunstancias económicas e do déficit público". Tratábase da tristemente famosa lei de medidas, que creou a oleada de protestas máis grande da historia entre todo o persoal da Xunta. Non foron unhas protestas corporativistas senón que se puxeron enriba da mesa medidas de aforro alternativas que ían na liña da defensa dos servizos públicos sen danar os nosos dereitos. Non quixeron escoitalas.

A lei de medidas da Xunta era pioneira, logo viría a de Madrid pola que tamén se nos quitaría a paga extra de Nadal de 2012 e que aplicaría con carácter básico boa parte das medidas que xa aplicara a lei galega. Entre estas medidas, e das máis polémicas, estivo a retirada do 100% do complemento do salario en certos casos de incapacidade temporal ou o que desde dentro coñecíamos como "pagar por enfermar".

Pasados os dous anos, a partir dos cales, procedía a súa revisión, instamos en sucesivas ocasións, non só á súa revisión senón a súa revogación. Resultaba contradictorio escoitar ao Goberno galego falar de recuperación económica e saneamento das contas publicas e seguir mantendo esas medidas temporais aí. Porén, desde o PP obtouse por facelas permanentes.

A nova lei de emprego público vén a consolidar boa parte desas medidas de forma que queda patente a enorme mentira de que nos recortaban os nosos dereitos porque non podían facer outra cousa, dada a conxuntura económica. Vivimos nun estado permanente de recortes laborais e sociais, onde o único xeito de conter o 30% de perda do noso poder adquisitivo é progresar na carreira profesional. Porén, esta ten demasiados atrancos e o seu desenvolvemento é demasiado lento ou subxectivo para conseguilo.


Pagar por enfermar

A lei de emprego público no seu artigo 146 recolle os casos nos que estando en situación de incapacidade temporal a Xunta completará o salario ata o 100%. Este artigo está referido ao persoal que se lle aplica o réxime da Seguridade Social xa que o que está acollido ao réxime de Muface se lle aplica a lexislación estatal.

A diferencia co que xa tiñamos de xeito temporal radica na adición da situación de "enfermidade grave" como caso no que se completará o salario ata o 100% de estar de baixa por enfermidade, ademais dos casos de hospitalización ou intervención cirúrxica. Por suposto, complétase tamén o salario no caso de enfermidade ou accidente profesional e nos casos de baixa ou risco durante o embarazo.

Por outra banda, no desconto dos 3 primeiros días, a Xunta pagará o 50% do salario en baixas que non estean nas situacións anteriores, na primeira e sucesivas baixas anuais. Na lei de medidas figuraba que pagarían só o 40% na segunda baixa e un 0% na terceira e restantes.

O que cada Administración entenda por enfermidade grave é cousa súa. Na Xunta a única definición que temos é a que aparece no apartado Segundo das Instrucións de permisos, vacacións e licenzas (que precisa unha revisión dado os recentes cambios que introduciu a nova lei de emprego público):

h) Enfermidade grave: considérase como tal a hospitalización por máis dun día ou intervención cirúrxica sen hospitalización que requira repouso domiciliario para o seu restablecemento ou curación ou cando así o determine o informe médico. Non obstante, o parto natural ou por cesárea non se considera como unha situación asimilada á enfermidade grave, a non ser que o parto sufra dificultades excepcionais que xustifiquen o tratamento de enfermidade grave.

Outra norma que precisa revisión (ou canto menos reinterpretación) van ser as instrucións de 7 de maio de 2012 de Función Pública nas que ademais de definir o que se entendía por intervención cirúrxica ou hospitalización, deixaba fóra dos recortes as enfermidades derivadas do embarazo (non só os embarazos de risco), pero non por exemplo as enfermidades crónicas ou dexenerativas.

Precisamente, mentres outras Administracións amortecían o impacto da norma legal nos casos excluídos, a Xunta aplicaba a casuística menos humana e máis puramente económica. Así, mentres na Xunta unha enfermidade infectocontaxiosa, unha rotura dunha perna, unha enfermidade psiquiátrica ou calquera afección crónica ou dexenerativa de orixe non laboral supuña desconto, por exemplo, na USC, non. Polémico resultaba tamén  o desconto aplicado por algúns departamentos da Xunta nos 2 días seguintes de baixa a unha amniocentese, como polémico era o tratamento mediático que lle deu á "redución do absentismo".

Coa nova norma lexislativa quedan cubertas co 100% do salario todas as enfermidades non laborais que un informe médico cualifique como graves pero deixan fóra os accidentes non laborais que non impliquen intervención cirúrxica ou hospitalización. A dificultade aquí radica en obter un informe médico que conteña a palabra "grave" pois existen facultativos que non queren facer ese tipo de interpretacións e limítanse a facer unha descrición técnica da enfermidade e como moito, das recomendacións e do pronóstico.

En calquera caso, baixo a nova tesitura, un informe médico que fale dunha enfermidade como grave (e queda ao criterio médico) pode evitar o desconto da nómina ou o desfile de persoas en pésimas condicións para traballar facendo mero acto de presenza no seu centro para os sós efectos de non perder uns cartos aos que as familias traballadoras non están en disposición de renunciar.

 

 

Outras medidas temporais que se converten en permanentes

 

No artigo 118 da lei de emprego público, a definición dos días por asuntos particulares (moscosos) que lle corresponden ao persoal funcionario seguen estando vinculados ao que diga a lexislación estatal (ou sexa ao mínimo) e que actualmente está en 5 días. Ben é certo, que mediante as Instrucións de permisos, vacacións e licenzas estes días poden ampliarse en función dos festivos do estado español que caian en sábado ou de ter que traballar os días 24 e 31 de decembro, todo esto de acordo co camiño que foron marcando primeiro desde o Goberno de Madrid. Que xa se sabe que para o malo rápido se nos recorta como Madrid, pero para o bo  pois non (promoción interna anual, concursos anuais...).

En canto ao persoal laboral, o artigo 148 recolle que o Goberno galego pode suspender ou modificar unilaterlmente artigos do convenio colectivo por razóns de "alteración substancial das circunstancias económicas" co obxecto de "salvagardar o interese público", todo isto aprecido tamén unilaterlamente.

Esta modificación foi incluída no EBEP xa polo RD 20/2012 (o que nos suprimiu a paga extra de 2012, entre outras medidas urxentes). A aplicación práctica da medida foi tan polémica, en canto á vulneración da negociacion colectiva que acabou no Tribunal Supremo que, por desgraza, veu darlle a razón ao Goberno.

Neste caso a lei de emprego público limítase a recoller o marco estatal, un marco que se moveu "por razón de urxencia" para garantir a estabilidade pero que aí quedou e polo tanto é transcrito na lexislación autonómica.

Recordamos que o persoal laboral da Xunta que traballa a quendas ten suspendido o artigo 19 que regula os descansos en domingos e festivos e que agora está intentando compensar coa creación dun puñado de postos. Aquí hai batalla aberta e o persoal principalmente afectado, o persoal laboral de Traballo e Benestar que traballa a quendas, está a realizar unha forte e contínua mobilización.

Ise é o único camiño que nos queda na recuperación dos nosos dereitos: a mobilización.

2 comentarios:

  1. A miña pregunta é moi sinxela: qué imos facer os traballadores públicos para revocar estas medidas de pagar por enfermar?. Supoño que se o PP perde a Xunta, farase o posible porque o novo goberno as revoque. Espero suponer ben. Pero... se volve a gañar o PP, seguiremos tragando???

    ResponderEliminar
  2. A miña pregunta é moi sinxela e obvia: qué imos facer os traballadores públicos para que revoquen estas medidas e non teñamos que pagar por enfermar?. Supoño que se o PP perde o goberno da Xunta, os sindicatos e os traballadores presionaremos para que as revoquen. Espero suponer ben. Pero..., se volve a gañar o PP (Deus non o queira), qué faremos?. Seguiremos tragando?.

    ResponderEliminar