Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

mércores, 27 de maio de 2015

Presiona aos membros do europarlamento para que non vendan os nosos dereitos ás multinacionais

O pleno do Parlamento Europeo votará este informe na súa próxima sesión plenaria en Estrasburgo durante a semana do 8 de xuño

Durante as próximas semanas, o Parlamento Europeo decidirá a súa posición con respecto ao tratado comercial entre a UE e os EUA (a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento, tamén coñecido como TTIP) que se está a negociar nestes momentos.

ACTUALIZACIÓN: O PP e o PSOE votan xuntos na Comsión para incluír unha blindaxe das multinacionais americanas que poderán evadir os sistemas xudiciais da UE.

Dentro do TTIP, os responsables de comercio europeos prevén conceder dereitos especiais aos investidores estranxeiros e, máis concretamente, a creación dun mecanismo de resolución de disputas Estado-investidor (ISDS, polas súas siglas en inglés). As dúas votacións que se realizarán dentro da Comisión de comercio e o Pleno constitúen oportunidades únicas para que o Parlamento Europeo envíe un sinal claro e inequívoco aos negociadores da UE para que o mecanismo de resolución de disputas Estado-investidor non se inclúa no TTIP. Presiona aos membros do Europarlamento.

Cursos do INAP para persoal das Administracións públicas durante o segundo semestre do 2015

No BOE do 19 de maio publicáronse as convocatorias de accións formativas do INAP (Instituto Nacional de Administración Pública) para o segundo semestre do 2015. Hai cursos en modalidade presencial e tamén de teleformación.


Resumo da xuntanza do 25 de maio co director xeral da Función Pública

Comentou Función Pública de cuestións referidas ao concurso (retirada de postos por vindeira amortización, concurso para o persoal que vén doutras Administracións, prazas que retiran e convocan en comisións de servizo...), condicións de traballo persoal a quendas de Benestar, convocatoria de proceso selectivo de persoal veterinario, procesos de integración e eleccións de destino pendentes.

martes, 26 de maio de 2015

Listas de contratación temporal en incendios forestais: resultados das probas físicas e de agudeza visual 2015 actualizadas na Función Pública

A Consellería do Medio Rural e do Mar, comunica que os resultados das probas físicas e de agudeza visual, celebradas os días 11, 12 e 13 de maio de 2015, xa están aplicados ás correspondentes listas de contratación temporal, polo que, as persoas integrantes destas, poderán consultar o seu estado na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública.

Calcula canto che van a devolver coa "paguiña extra" de maio

Como xa fixemos da última pagiña, a de xaneiro, vaivos unha folla de cálculo para ter unha idea máis exacta do que suporá e que deberían ingresarnos coa nómina de maio en dous epígrafes a parte (recuperación paga extra e recuperación paga adicional). Descargar folla de cálculo.

O aboamento será de oficio para o persoal que estea en activo, mentres que o persoal que non estea en situación de servizo activo a 1 de maio terá que facer unha solicitude dirixida ao órgano correspondente.

Nova versión do buzón de postos e folla de cálculo para facer o baremo do concurso xeral de xeito automatizado

O día 22 de maio e o día 26 de maio colgaron novas verisóns do buzón de postos para o concurso de corpos xerais de persoal funcionario. Na do 22 incluían campos que faltaban e que viñan no listaxe de postos publicados no DOG como centro de destino ou centro directivo, entre outros. Faltaría unha columna coa consellaría aínda que se pode extraer das primeiras letras do código de cada posto.

Sería bo conservar as distintas versións ou canto menos incluír unha breve descrición dos cambios para facilitar o seguimento. Comparade as versións dos buzóns que descargárades. Na última, actualizada a 26/05/2015, recolle a modificación publicada no DOG dese mesmo día, no que inclúen un posto de nivel 14 en Santiago de Compostela pero sen máis explicacións.   Descargar buzón (actualizado 26/05/2015).

Datos de xubiliación parcial do persoal laboral da Xunta de Galiza

Achéganos Función Pública os seguintes datos do persoal laboral acollido ao réxime de xubilación parcial recoñecido pola lei que se produciron ou se van producir, desde o 15 de abril. Total de momento: 390.

luns, 25 de maio de 2015

Pagar por enfermar e outros recortes que ían ser temporais e converteron en permanentes coa lei de emprego público

En caso de enfermidade grave, completarase tamén o salario ata o 100% desde o primeiro día se houber baixa laboral.

En febreiro de 2012 a Xunta elaborou un proxecto de lei que ía ser temporal polas "extraordinarias circunstancias económicas e do déficit público". Tratábase da tristemente famosa lei de medidas, que creou a oleada de protestas máis grande da historia entre todo o persoal da Xunta. Non foron unhas protestas corporativistas senón que se puxeron enriba da mesa medidas de aforro alternativas que ían na liña da defensa dos servizos públicos sen danar os nosos dereitos. Non quixeron escoitalas.

A lei de medidas da Xunta era pioneira, logo viría a de Madrid pola que tamén se nos quitaría a paga extra de Nadal de 2012 e que aplicaría con carácter básico boa parte das medidas que xa aplicara a lei galega. Entre estas medidas, e das máis polémicas, estivo a retirada do 100% do complemento do salario en certos casos de incapacidade temporal ou o que desde dentro coñecíamos como "pagar por enfermar".

Pasados os dous anos, a partir dos cales, procedía a súa revisión, instamos en sucesivas ocasións, non só á súa revisión senón a súa revogación. Resultaba contradictorio escoitar ao Goberno galego falar de recuperación económica e saneamento das contas publicas e seguir mantendo esas medidas temporais aí. Porén, desde o PP obtouse por facelas permanentes.

Novas prazas que decaen do concurso (ATRIGA) e outras que decaeron e agora convocan en comisión de servizos

Remite Función Pública unha nova proposta de modificación da RPT da ATRIGA. Trátase da amortización de 4 novos postos que actualmente están ofertados na listaxe de postos do concurso xeral publicado no DOG do 20 de maio:

FC.A02.00.000.15770.003 XEFATURA DE EQUIPO (A1A2; nivel 25)
FC.A02.00.000.15770.020 XEFATURA GRUPO (C1C2; nivel 14)
FC.A02.00.000.15770.025 XEFATURA GRUPO (C1C2; nivel 14)
FC.A02.00.000.15770.026 XEFATURA GRUPO (C1C2; nivel 14)

Na propia memoria económica que remite a ATRIGA fala da intención de crear máis adiante, co orzamento destas 4 prazas vacantes que se amortizarán, outras tres novas: unha xefatura sección A1A2C1 e dúas xefaturas de negociado A2C1C2 para corpos xerais (ambos os 3 postos con formación específica en xestión económica e materia tributaria).

Desta volta xa achega dunha soa tacada todas as convocatorias de reunións (3 en 1): hai Mesa Xeral e Comisión de Persoal o mércores, 27 de maio e unha reunión previa o luns 25 de maio para contarnos a película e, obviamente, que pensan facer con relación ao concurso.

Ex-conselleiros da Xunta en busca de traballo

Tralas eleccións locais do pasado 24 de maio, Agustín Hernández (Compostela) e Elena Múñoz (Vigo) xa colgaron os seus curriculos en Infojobs e están buscando un traballo acorde coas miras da súa carreira profesional nalgún posto de alto cargo nun órgano estatutario ou entidade instrumental.

As apostas poñen a Agustín na Dirección de Tragsa Galiza (maldito para os ex-alcaldes do PP) e a Elena Muñoz nun dos postos vacantes de conselleiro/a maior do Consello de Contas (co que conseguirán, ademais, baixar a idade media dos seus membros do xurásico ao cretácico).

Recordamos que os dous teñen unha humilde orixe de persoal funcionario, o primeiro como enxeñeiro de camiños e a segunda na escala de finanzas, ao que sempre poden volver cando queiran se a porta xiratoria queda trabada.

domingo, 24 de maio de 2015

EN GALAXIAS DISTINTAS: Comité Intercentros e persoal laboral

Acabo de ler o escrito do Comité Intercentros dirixido aos Sindicatos.

Seguemos a vivir en galaxias distintas.


Traballadoras e traballadores impulsamos un escrito moi crítico cos medios de comunicación que asinamos 363 persoas e entregámosllelos o mércores 13 de maio, antes de que tiveramos a Marcha do xoves 14 organizada polo Comité de Traballo e Benestar de A Coruña.

A Marcha foi un éxito e os medios de comunicación pasaron do boicot total a poñer algo.

Este xoves 21 houbo unha nova xornada de loita convocada polos catro Comités Provinciais de Traballo e Benestar cun éxito espectacular nas Caravanas de Coches de A Coruña, Vigo e Ourense, e a Marcha de Lugo.

Ou sexa que hai mobilizacións nas catro provincias e o Comité Intercentros non convoca nengunha mobilización en Santiago, e limítase a dirixirse aos Sindicatos para invitalos o martes 26 a unha Rolda de prensa. Descargar escrito do Comité Intercentros.

venres, 22 de maio de 2015

Pode un funcionario facer 435 horas extras en seis meses?

Pois si que pode, e por isto pode cobrar consecuentemente 7.260 € por horas extras entre xullo e decembro do ano pasado en concepto de "TAREFAS DE APOIO ADMINISTRATIVO".

E por que pode? Igual pode porque traballa no gabinete da conselleira de Sanidade, igual pode... pero... como fai? porque botando unha conta moi sinxela resulta que hai unha persoa que estivo facendo durante todo este tempo unhas catro horas diarias, sen descanso, día a día, nun réxime de semi esclavitude que xa de por si debería de ser denunciable. Como pode traballar un/unha funcionario/a 11 horas diarias?

xoves, 21 de maio de 2015

Promoción Interna: comunicado conxunto da CIG, CCOO, UGT e CSIF

Ante a parálise nestes procesos e o enrocamento da Administración ao non querer admitir case nengunha das alegacións presentadas polas organizacións sindicais, hoxe, 21 de maio, as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as e na Mesa Sectorial de Funcionarios/as (CIG, CCOO, UGT e CSIF), presentamos un escrito por rexistro dirixido ao Conselleiro de Facenda e ao Presidente da Xunta para adopten medidas ao respecto.

No escrito salientamos que despois de cinco anos sen procesos de promoción interna, sumado isto a todos os recortes laborais e retributivos realizados polos gobernos galego e español, a carreira profesional e a promoción profesional dos empregados/as públicos/as vese gravemente danada.
A proposta deste goberno dun novo modelo de promoción interna, atenta gravemente contra o dereito dos empregados/as públicos/as á promoción profesional.

A polémica do persoal directivo e o concurso de traslados

O persoal funcionario de carreira que a partir da entrada en vigor da presente lei acceda aos postos directivos a que fai referencia esta disposición manterase na situación de servizo activo, con reserva do posto de traballo que ocupase con carácter definitivo no momento do nomeamento, de o devandito posto se ter obtido mediante concurso.

Esto é o que establece a disposición transitoria terceira (punto cuarto) da lei de emprego público e este parágrafo esta a causar inquedanza máis que xustificada entre o persoal funcionario que non é persoal directivo, de cara ao actual concurso de traslados en activo.

A inquedanza vólvese maior cando se le o punto primeiro da dita disposición transitoria pola que todo persoal funcionario que ocupe un posto de subdirección, vicesecretaría, secretaría territorial ou xefatura territorial, terá a condición de persoal directivo; iso si, de xeito transitorio ata que se aprobe regulamentariamente o réxime xurídico do persoal directivo.

Quere dicir eso que ese persoal vai poder concursar, coller os mellores postos neste concurso en activo e seguir no seu posto de persoal directivo?

Non poder flexibilizar os venres pola tarde xa é legal (disposición derradeira da lei de emprego público adicada con cariño á CIG)

Entre todas as emendas parlamentares que presentou o PP ao seu propio proxecto lexislativo da lei de emprego público, destacan especialmente as feitas en materia de igualdade,. Destas medidas algunhas son novas e outras son modificacións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (ver Disposición Derradeira terceira).  Entre este repaso tiveron tempo de meter un punto desta disposición (o cuarto) dedicado con cariño á CIG.

No seu momento a CIG presentou un recurso contencioso-administrativo contra a Orde de flexibilidade e teletraballo (ampliada contra as instrucións que a desenvolvían) por vulneración do artigo 44 da lei 7/2004 no referido á flexibilidade por motivos familiares. Tendo en conta que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non se caracteriza pola súa rapidez á hora de resolver os contenciosos, instamos aos grupos parlamentares a presentar unha proposición non de lei que lle "invitase" á Xunta a cumprir esta norma legal. Desde a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais tamén se puxera en marcha a campaña Que non che quiten os venres, nos que ofrecíamos modelos de reclamación para presentar diante do Parlamento, Valedor e Comisión de Seguimento.

O cambio operado é sutil pero implica que agora é legal, por exemplo, non permitir flexibilizar por motivos familiares a xornada laboral un venres pola tarde. Todo o mundo sabe que esto non ten ningún sentido, nin material, nin de organización do traballo, senón simplemente normativo porque "na Administración Xeral do Estado faise así". Vai ser o único que a Xunta faga así porque na Administración Xeral do Estado o fan así xa que en temas como concursos, promocións internas, ou mesmo devolución da parte devengada da extra de 2012, non opera esta máxima.

mércores, 20 de maio de 2015

Concurso de traslados publicado no DOG: buzón de postos, cronograma e folla de autobaremo

Función Pública xa ten listo un novo apartado de "Concursos activos" onde, entre outros, podedes descargar o buzón de postos definitivo en formato de folla de cálculo, ademais de incluír un cronograma ben aquelado. Accede á información sobre o concurso.

21/05/2014: No buzón de postos faltan diversos campos que figuran nos listados do DOG: centro directivo, centro de destino, consellaría, Administracións ás que está aberta e corpo/escala. Contan telo actualizado para o 22/05/2014.

Hai algúns postos que non aparecen respecto ao último buzón xa que os retiraron por corresponder ás persoas adscritas por razóns de saúde ou violencia de xénero. Tamén existen outros que non localizaredes pero que están aí pois lle adaptaron o código á nova RPT. 

Tamén vos ofrecemos unha plantilla que vos pode resultar útil para calcular os vosos puntos, cortesía dun compañeiro de Ferrol.

Cumpre hamar a atención sobre os seguintes prazos da convocatoria:
  • 8 de xuño: data límite para presentar a solicitud/data límite para méritos e requisitos. No caso de non estaren interesados en ningún dos postos relacionados, farán constar os seus datos persoais e administrativos para os efectos de poder solicitar posteriormente os postos vacantes na fase de resultas.
  • 22 de xuño: publicación no web da Función Pública da relación de postos para a fase de resultas e comezo do prazo para solicitar postos na fase de resultas. 

martes, 19 de maio de 2015

Caravana de coches dende a Residencia de Maiores de Oleiros

O Comité de Traballo e Benestar da Coruña organiza un novo acto de protesta e reivindica a recuperación do artigo 19 do Convenio Colectivo suprimido unilateralmente pola Xunta de Galiza desde o 2012. 

XOVES dia 21 de MAIO de 2015
Con saída ás 9,00 horas da Residencia de Maiores de Oleiros (Rúa Rio, 60. Oleiros)

Nese artigo 19 regulábase os descansos do persoal laboral da Xunta que traballa a quendas en domingos e festivos. Vén sendo intensa a mobilización do persoal laboral a quendas de Traballo e Benestar na demanda do seu lexítimo dereito ao descanso. Recordamos que este persoal traballa con persoas sensibles como son as persoas maiores, con discapacidades e persoas dependentes e están sometidas a un desgaste físico e psicolóxico elevado.

venres, 15 de maio de 2015

Vindeiras convocatorias de procesos selectivos dos subgrupos A1 e A2 das Escalas de Finanzas

Seguimos co fervor de procesos selectivos na Xunta propio do ano eleitoral, cunhas pouquiñas prazas por aquí, outras pouquiñas por alá, e imos agora coas de Finanzas:

- Escala Superior de Fianzas, OPE 2012, 3 prazas (1 de promoción interna)
- Escala Técnica de Finanzas, OPE 2013, 8 prazas (2 de promoción interna)

A convocatoria está prevista para maio/xuño. De feito, o luns hai un sandwich mixto de Mesa Xeral e Comisión de Persoal para tratar estas convocatorias (a primeira ás 13:00 e a segunda ás 13:30h). Chegará un día que terminen xuntando estes dous órganos porque total, negociar, negociar, máis ben nada.

Descargar borradores

Resumo da dupla xuntanza

Queremos Galego! chama a reivindicar na rúa o noso idioma como “garantía de futuro” este 17 de Maio


A plataforma, da que fai parte a CIG, convoca mobilizacións en todo o país con motivo do Día das Letras Galegas


A plataforma Queremos Galego! chama a reivindicar nas rúas de Galiza o noso idioma como “garantía de futuro” o vindeiro domingo 17 de Maio, Día das Letras Galegas. O colectivo, do que fai parte a CIG-Ensino, convoca manifestacións e concentracións por todo o país en defensa da lingua propia.
2015 05 17 CartazQueremosGalego

Queremos Galego! celebra un ano máis o 17 de Maio con distintas mobilizacións ao longo do país, que nesta ocasión se convocan baixo o lema 'O galego, garantía de futuro', tal e como explican no comunicado feito público con motivo do Día das Letras Galegas:

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 14: Estratexia de Seguridade e Saúde no traballo 2015-2020, tarde, mal e a rastro

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Bolet%C3%ADn%20CIG%20Sa%C3%BAde%20Laboral%20N%C2%BA%2014%20%28versi%C3%B3n%20galego%29.pdf
Publicación en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral, elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega

Para a súa visualización e descarga únicamente prema sobre a portada

Tamén pode ser descargado dende o apartado de documentos adxuntos

Para recibir os seguintes exemplares do Boletín CIG - Saúde Laboral de xeito automático, prema aquí

"Non pedimos tanto, pedimos descanso"



Traballadoras e traballadores dos centros de menores, residencias de maiores e CAPD marcharon a pé este xoves dende a Ponte da Pasaxe até a Xefatura Territorial de Traballo e Benestar na Coruña para esixir a reposición do artigo 19 do V Convenio Colectivo do persoal laboral, que regula os descansos, "e que foi secuestrado pola conselleira no ano 2012".

mércores, 13 de maio de 2015

Punto de varios intenso na Comisión de Persoal do 12 de maio e novas sobre concurso na Comisión de Persoal do 13 de maio

O 13 de maio houbo outra Comisión de Persoal extraordinaria onde foron soamente as bases do concurso de traslados do persoal funcionario de corpos xerais, non houbo punto de varios aínda que si se falou da recuperación da 2ª parte contratante da parte devengada da paga extra do 2012.


Pero onde si houbo varios e bastantes foi na Comisión de onte onde a Xunta volveu aprobar todo, independentemente do sentido do voto dos sindicatos. Imos ao tema:

O prazo para presentar alegacións á promoción interna alóngano ata o luns 18 de maio. Como xa dixeron na Mesa Xeral, o modelo non o van cambiar. Só están dispostos a falar dos temarios e de modificar algún tipo de exame. Teñen intención de aprobala na primeira quincena de xuño.

As convocatorias libres do A1,A2,C1 e C2 teñen intención de negocialas a finais de maio, levalas á Mesa Xeral en xuño e aprobalas na primeira quincena de xuño.

Concurso de traslados corpos xerais: publicación no DOG a mediados da semana que ven.

Manifesto da Plataforma pola recuperación do V Convenio: a Xunta secúestranos os descansos

Os medios de comunicación secuéstrannos as nosas mobilizacións


Hai cousas que non ocorren por casualidade.

O venres 6 de marzo V Informativos emitiu unha boa reportaxe sobre as condicións inhumanas de traballo que sofrimos quen traballamos a turnos nos Centros da Consellería de Traballo e Benestar.
 O domingo 8 de marzo A Voz de Galicia emitiu o video no seu xornal dixital. A partires daí A Voz de Galicia sofriu un apagón informativo.

Queremos destacar a enorme importancia, dada a trascendencia pública que tiveron, os dous programas consecutivos que emitiu Radio Coruña Cadena Ser no seu programa “El Coruñes opina” sobre a Residencia de Oleiros.

O 18 de marzo, por vez primeira en Galicia, traballadoras e traballadores convocamos 20 concentracións en 20 centros de toda Galicia, reclamando que a Xunta de Galicia repoña o artigo 19 do Convenio para que deixen de imperar nos Centros da Consellería as condicións inhumanas de traballo que sofrimos dende o ano 2012.
 Todos os medios de comunicación recebiron unha nota informativa acompañada de fotos e videos pero para os grandes medios de comunicación galegos esas vinte concentracións non existiron.

Aberto o prazo para solicitar praza nas escolas infantís para fillos e fillas de 0 a 3 anos do persoal da Xunta

No DOG do 12 de maio publicase a Orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillas e fillos do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2015/16.

O prazo de presentación de solicitudes, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta convocatoira está destinada só para o persoal da Xunta que traballe nos servizos centrais e nas xefaturas territorias de Pontevedra e Vigo. Para a conciliación da vida familiar e laboral deste persoal, a Xunta reserva unha serie de prazas na escola infantil de Vite de Santiago de Compostela, na escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra e na escola infantil A Estrela do Complexo Administrativo de Vigo, respectivamente.

Aberto o prazo de solicitude de novos cursos da EGAP

Volve convocar a EGAP novas actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, tanto de carácter presencial como de teleformación.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo: http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. O número máximo de actividades formativas que se pode solicitar é de cinco.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

Anuncio no DOG sobre o procedemento de recuperación da 2ª parte contratante do 24% da paga extra de 2012

Antes sequera da entrada en vigor da lei que o habilita, xa publica Facenda na sección de anuncios do DOG o procedemento de recuperación da 2ª parte contratante do 24% da paga extra de 2012. Xa nos gustaría que todos os meses sexan eleccións para darse tanta presa en devolver o que nos deben.

Incorporan como anexo unha solicitude de pagamento das cantidades en concepto de recuperación da paga extraordinaria, para o persoal que non estea en situación de servizo activo en maio de 2015. Ás empregadas e empregados públicos que sigan en activo serálle aboado de oficio pola conselleria, organismo ou entidade a través da cal perciba as súas retribucións no mes de maio.

A disposición transitoria segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, dispón que as contías previstas na disposición adicional décimo sétima da Lei 11/2014, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, en concepto de recuperación da paga extraordinaria e adicional de decembro de 2012 do persoal ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, se ampliarán ata o vinte e catro con cero catro por cento dos importes efectivamente deixados de percibir e que as ditas cantidades serán equivalentes á parte proporcional correspondente aos primeiros corenta e catro días das mencionadas pagas do mes de decembro de 2012.

martes, 12 de maio de 2015

Non ao novo "plusiño" dos altos cargos

Desapareceu o plus de altos cargos, aínda que a nova Lei de Emprego Público de Galiza segue deixando a porta aberta ao que veña (artigo 168). De xeito contante e sonante xa temos aquí o artigo 169.3 que recoñece un plusiño onde non poderon recoñecer un plus.

Independentemente do posto ao que reingresen, garánteselles ás persoas funcionarias que fosen altos cargos (e só a elas) a percepción vitalicia dun complemento específico non inferior a un nivel do último posto que viñeran ocupando. Xa que logo, non é para retribuír as eventuais penalizacións na carreira profesional, que vai no grao consolido, senón respecto ao último posto ocupado. Este plusiño pode supoñer unha diferenza de ata 8.884€ /ano.

A Xunta comenta que este novo plus de altos cargos terá un alcance “residual”… precisamente, esa é a característica dos privilexios: que teñen un alcance residual. Algunha vantaxe tiña que ter o de ter sido alto cargo....

Descarga cartaz

Borradores das convocatorias de acceso libre a corpos xerais de persoal funcionario da Xunta

Chegan as eleccións, chega a recuperación e hai que ir convocando todo aquelo que quedara pendente. Achéganos Función Pública os borradores das convocatorias dos seguintes corpos xerais de persoal funcionario da Xunta:

  • Corpo superior, subgrupo A1(15 prazas - 5 de promoción interna- OEP 2013)
  • Corpo de xestión, subgrupo A2 (10 prazas -3 de promoción interna-, OEP 2013)
  • Corpo administrativo, subgrupo C1 (20 prazas, OEP 2015)
  • Corpo auxiliar, subgrupo C2 (44 prazas, OEP 2015)

Concédese un prazo para alegacións que rematará o 20 de maio de 2015 ás 15 horas. A previsión que nos deron, na reunión do venres da semana pasada, foi de convocalas en xuño pero coa Xunta e os procesos selectivos nunca se sabe. De feito, no borrador non figura data prevista do primeiro exercicio de "non antes de" como no caso dos borradores de promoción interna separada.

Como punto máis destacado é que aumenta o número de temas e cambian os temarios de leis concretas por temas en xenérico como nos vellos tempos, .. como lle encanta a este Goberno "os vellos tempos".

Seguiremos informando. 

luns, 11 de maio de 2015

Que pasa coa escala de axentes tributarios/as (C1 Finanzas)?

A RPT de ATRIGA tiña reservados unha serie de postos para pasar a unha futura escala de axentes tributarios (C1), razón pola que xa non entraran no anterior concurso de traslados. A Lei do Emprego Público non crea esta escala, din que por problemas orzamentarios, e polo tanto procede retirarlles a reserva. A tal fin meten por vía de urxenca esta modificación da RPT de ATRIGA, para modificar os postos e poidan entrar no inmediato concurso de traslados de corpos xerais. Os postos afectados son:

1.    As xefaturas de Negociado, C1-18, pasan a ser Unidades de Apoio Administrativo, C1/C2-18, con mérito “experiencia en materia tributaria”.

2.    Os postos base C1-14, pasan a ser xefaturas de grupo, C1/C2-14. Tamen a estes postos métenlles o mérito “experiencia en materia tributaria”.

Manifestamos a nosa oposición a que ATRIGA xeneralice un mérito específico a todos os postos. Se todas as demais consellerías fixeran o mesmo, estariamos a dificultar a mobilidade dos funcionarios e funcionarias.

ATRIGA afirma que, nunha futura RPT, teñen intención de abrir algunhas seccións que pasarían a poder ser cubertas por corpos xerais (actualmente están para finanzas). Refirese ás xefaturas de equipo (nivel de seccións).

Na Mesa Xeral abren a posibilidade de formación en materia tributaria como mérito, non só como experiencia que é o que figuraba.

Información multiasunto do director xeral de Función Pública

Convocou unha xuntanza o director xeral da Función Pública o xoves 7 de maio, para explicar varios puntos que ían ir á Mesa Xeral do venres, 8 de maio, na orde do día e alixeirar a duración desta. Finalmente na Mesa Xeral se meteu tamén unha modificación da RPT de Traballo para poder incluír varios dos postos desta consellaría no vindeiro concursos de traslados de persoal funcionario.

A continuación vai información sobre os seguintes temas: concursos de traslados, procesos selectivos (incluída a promoción interna de persoal funcionario), escalas e paga extra 2012.

Paga extra 2012


Informa do que xa sabíamos trala emenda e aprobación da lei de emprego público: que cobraríamos o 24% da paga extra do 2012. Esta cantidade é lixeiramente superior á parte devengada no caso do persoal funcionario e signficativamente superior a esta no caso do persoal laboral tal como xa explicabamos. O caso é cando cobraremos. Non antes da entrada en vigor da lei de emprego público, non antes da data das eleccións municipais. Na reunión, o director dixo que coa nómina de xuño mais o luns, 11 de maio, a Voz de Galicia fala do mes de maio.

Convocatoria inminente do concurso de traslados de corpos xerais de persoal funcionario

Teñen a intención de convocar o concurso a semana do 18 de maio, antes da entrada en vigor da Lei do Emprego Público. A tal efecto, convocarán Comisión de Persoal para o martes 13.

Nunha reunión previa á Mesa Xeral, o xoves, 7 de maio, explicou o director xeral de Función Pública as súas intencións para o desenvolvemento deste concurso. O máis destacable é a presa que lle entrou por convocalo antes da entrada en vigor da nova lei (na semana do 18 de maio).

Sobre os prazos: intentarán resolvelo concurso neste ano. Contan que a primeira fase do concurso remate o prazo o 10 de xuño, e que o 20 de xuño remate para as de resultadas, de xeito que antes do verán estea todo solicitado.

Non hai cambios substanciais nos borradores: a promoción interna segue sendo outra "putada interna"

Crearase moitas espectativas sobre os terceiros borradores das convocatorias de promoción interna de corpos xerais de persoal funcionario. Na Mesa Xeral do 13 de marzo comentara o director xeral de Función Pública que ían realizar "cambios substanciais" que ían na liña do demandado polos sindicatos e que mandaría os borradores en breve. A realidade é que nin mandou os novos borradores en breve, nin estes traen cambios substancias.

Dan un prazo para facer alegacións ata o 13 de maio, aínda que serán flexibles. Previsión de convocatoria maio/xuño. Non nos fiamos, se ben por primeira vez achegan uns borradores con data de realización do primeiro exercicio "non antes do 2 de novembro" co que agora si, poidería ser. Agora ben, vistos os precedentes, ata que estea publicado no DOG, non o creeremos.


Foron 9 meses desde os anteriores borradores e tanto agardar para uns cambios que distan moito de ser significativos; o modelo de promoción interna é exactamente igual ao que formulaban desde un principio: manteñen o mesmo número e tipo de exercicios que nos anteriores borradores; o mesmo número de exercicios que para acceso libre. Que vantaxe ter pois nesta Administración ter aprobado unha oposición?

venres, 8 de maio de 2015

Paremos o TTIP, recollida de sinaturas

Dille á Unión Europea que non queres o TTIP, imos a polos 2 millóns de sinaturas. Asina e difunde (final da páxina).


A Unión Europea está negociando cos Estado Unidos (EEUU) un “Tratado de Libre Comercio e Investimentos”, coñecido popularmente polas siglas en inglés como TTIP. Hai uns meses concluíu a negociación con Canadá dun tratado similar (CETA).

Estamos diante de dous tratados que se negocian en absoluto secreto, supeditan a soberanía nacional aos intereses das multinacionais, impoñen moitas máis dificultades ás nacións que, como Galiza, non teñen Estado de seu, restrinxen gravemente a democracia, favorecen a privatización de todos os servizos públicos, rebaixan a protección social a límites impensábeis, dan vía libre aos transxénicos e aos organismos xeneticamente modificados, reducen drasticamente a protección medioambiental,...

Estes tratados, con orientación e contidos absolutamente neoliberais, queren rebaixar ao mínimo a protección laboral e social, igualándonos ao modelo de EEUU e eliminando así as conquistas conseguidas en máis de 100 anos de loita da Clase Traballadora. Xunto a isto,  permiten ás empresas presentar demandas contra os estados, que van ser resoltas en tribunais de arbitraxe internacionais de carácter privado, pero os estados non poderán demandar as empresas. Estabelecen, ademais, mecanismos para impedir que novas leis condicionen ou limiten os investimentos empresariais e os seus lucros.

Concentracións contra a violencia machista, sábado, 9 de maio, ás 20.00h

Desde a CIG facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego este sábado 9 de maio ás 20 horas en repulsa ao asasinato machista de María Isabel Fuentes, en Ourense


Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, e no Consello da Muller de Pontevedra, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao asasinato de María Isabel Fuentes, a primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista no 2015.

Isabel foi acoitelada polo que era o seu marido, Aniceto Rodríguez, nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada desde o 3 de abril logo de ter sido agredida na súa propia casa. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala.

mércores, 6 de maio de 2015

Análise sobre os postos que ofertan e os que non van ofertar no concurso de corpos xerais do persoal funcionario

ÚLTIMA HORA (06/05/2015): recibida convocatoria de Mesa Xeral para este venres, 8 de maio, coa proposta de convocatoria do concurso.

Existen 1673 postos vacantes dos que 402 aparecen con algunha coletilla de que "non se ofertarán"; 302 destes "non se ofertarán" porque van ser, ou xa foron, amortizados.

Tras varios meses traballando neste tema, deulle a Administración aos sindicatos acceso ao buzón de postos vacantes de persoal funcionario de corpos xerais. Deste buzón, poden sacarse listaxes e, para non variar, sempre se botan en falta algúns e tamén, para non variar, aparecen unha chea deles coa coletilla de "non se ofertará por vindeira amortización"(ou semellante).

Así pois, ollo, a primeira observación que queremos facer é que estes días podedes ver rular por aí multitude de versións de follas de cálculo con lixeiros cambios entre unhas e outras. De feito, o martes, 5 de maio, Función Pública comunicounos que faltaban una serie de comentarios nalgunhas prazas do buzón, que estaban no estado de pendentes e por iso non os recolleu a aplicación. Son fundamentalmente os da Consellería de Facenda, ainda que hai tamén algúns doutras consellerías.

Descargar buzón de postos actualizado a 05/05/2015

Carta aberta ao conselleiro de Facenda sobre o secuestro do dereito á promoción interna do persoal da Xunta

O que están facendo coa promoción interna de persoal funcionario de corpos xerais da Xunta é "de traca". En realidade na Xunta, hai moitas cousas "de traca", si pero está é paradigmática de como funciona esta Administración (ou como non funciona, en realidade).

Hai 4 ofertas de emprego público (2009, 2011, 2012 e 2015) con prazas ofertadas para estes procesos das que non se convocou ningunha en todos estes anos; houbo borradores, varias edicións, houbo previsións de remisión de borradores, previsión de convocatoria dadas polo director de Función Pública de "no primeiro trimestre", "antes do verán", "á volta de verán", "antes de final de ano"... e así durante 5 anos. Pero non se cortaban, seguían ofertando máis prazas mentres non convocaban as anteriores. Realmente peculiar nun proceso selectivo na Xunta, pero na Xunta cabe agardar de todo.

luns, 4 de maio de 2015

Desmontando as bondades da lei de emprego público

O Goberno, e posteriormente o grupo parlamentario popular insistiu en 4 frentes fundamentais: a profesionalización,  a supresión do plus dos altos cargos, a conciliación da vida familiar e laboral e como non, a recuperación do poder adquisitivo.

Sobre a profesionalización, citan a avaliación do desempeño e o desenvolvemento da carreira administrativa (ao redor desa avaliación). O problema é que ista avaliación do desempeño vai ser totalmente subxectiva atendendo a criterios tan pouco cuantificables como o "interese", "iniciativa" ou "esforzo". Non houbo receptividade ningunha por parte da Xunta nin do Parlamento a incluír algunha garantía a nivel legal da súa obxectividade, da independencia do seu tribunal ou da contradición dos informes. Queda o groso da materia a desenvolver vía regulamentaria nun prazo máximo de 3 anos. E precisamente, mentres non se desenvolva este regulamento, entre outros, tampouco o fará a nosa carreira profesional.

Sobre a eliminación do plus dos altos cargos. Costou, pero ao final sacárono da lei. Non era para menos, tendo en conta o contexto de recortes sociais e a a presión mediática exercida sobre a corrupción e os privilexios políticos que ía deixar ao executivo galego nunha evidencia demasiado grande.

En todo caso, en vía parlamentar aproveitaron para meter un apartado no artigo 169.3 que podemos cualificar como "plusiño de altos cargos".  Independnetemente do posto ao que reingresen, garánteselles ás persoas que fosen altos cargos (e só a elas) a percepción dun complemento específico (agora complemento do posto de traballo) non inferior a un nivel do último posto que viñeran ocupando. Algunha ventaxe tiña que ter o de ter sido alto cargo....

Publicada no DOG a Lei de Emprego Público con cero consenso

A actual lei socava, aínda máis, a tan necesaria independencia do persoal ao servizo da Administración autonómica


Despois de ser aprobada o martes, 28 de abril, chega nun tempo record ao DOG a nova lei da función pública galega. O obxectivo político era tela aprobada antes das eleccións municipais e poder devolver en maio ata o 24% da paga extra suprimida en Nadal de 2012.

Descarga a lei

Esta lei non só rexerá os destinos de boa parte do persoal das Administracións públicas, sobre todo o persoal funcionario de Administración Xeral da Xunta de Galiza que se lle aplica de cheo, senón que afectará á como se prestarán os servizos públicos que se prestan desde esta. Como vimos denunciando desde que saltou á dominio público aló por 2013, este texto supón a consolidación dunha Administración clientelar que socava aínda máis a independencia e profesionalización do persoal funcionario na que para chegar a progresar na carreira nin sequera hai que aprobar unha oposición (véxase o persoal directivo).

A lei caracterizouse na forma pola falta total de consenso á hora de deseñala e sacala adiante. Primeiro, polo Goberno da Xunta na negociación colectiva do proxecto de lei coas organizacións sindicais e logo, no Parlamento de Galiza. O resultado foi un proxecto de lei de emprego público que contou co voto en contra de todos os sindicatos presentes na Mesa Xeral e co voto en contra dos grupos parlamentares da oposición. Para maior abundancia, no Parlamento rexeitáronse todas e cada unha das 800 emendas presentadas por estes grupos.

Agora si, recuperaremos o 24% da paga extra de Nadal de 2012

Tralo seu trámite parlamentar a lei de emprego público veu a igualarnos ao persoal público do resto de Administracións, e aínda que, meses máis tarde, todo o mundo, laboral e funcionario, cobraremos o 24% daquela xa lonxana paga extra de 2012 deixada de percibir para maior gloria dos mercados.

No proxecto de lei o que se recollía era que cando entrase en vigor a lei de emprego, modificaría a lei de Orzamentos e cobraríamos a outra metade da parte devengada da paga extra de 2012. Como xa analizamos pormenorizadamente, a parte devengada da paga extra non era exactamente o 25% da paga extra que segundo os medios íamos recuperar este ano. Esto provocou un pequeno cachondeo coas porcentaxes que chegou a resultar ofensivo. O que pasou en xaneiro foi que o persoal laboral cobrou sobre un 4% da paga extra do 2012 e o persoal funcionario un 9%. Aquí tedes a explicación. Tentamos explicárllelo aos medios, pero preferiron a versión da Xunta.

O que vai pasar "agora" é que cobraremos a % restante ata o 24%, co cal será máis do que cobramos coa extriña de xaneiro deste ano. O quiz da cuestión, e polo que todas e todos nos preguntades, é cando será ese "agora". O que comunicaran as persoas representantes do Goberno foi que "en canto estivera publicada a lei". Non ocultaron o seu desexo, evidente, de que esta lei estivera publicada antes das eleccións municipais.