xoves, 18 de decembro de 2014

A CIG reclama a paga extra completa en San Caetano: "Aquí no se puede cantar!"


E tampouco se pode ir disfrazados e non se pode porque "podemos molestar". Iso é o que nos largou un axente da autoridade cando a comparsa da CIG tentou percorrer os corredores de San Caetano cantando unha perigosa panxoliña.

Tal e como tivemos avisado, a comparsa de Nadal da CIG púxose en marcha a iso das 11:30 h. para repartir billetes reivindicativos e cantar panxoliñas. Xa tivemos problemas á hora de entrar no Rexistro Xeral, onde só puido entrar un compañeiro a entregar un escrito dirixido ao presidente onde lle recordamos todos os recortes salariais sofridos 
ate o de agora polo conxunto das empregadas e empregados públicos e non nos cremos nin as súas promesas nin nos conformamos coas súas esmolas, como se lle debésemos un favor, logo de todas as medidas que leva aplicando a Xunta de Galiza para destruír os Servizos Públicos.

Posteriormente, a comparsa da CIG dirixiuse á cafetaría da Xunta, xa que era o único sitio no que, teóricamente, nos deixaban repartir os billetes de protesta. Non entanto fumos capaces de botarlle unha peza ao pé da árbore de nadal que esta Xunta de Galiza, tan respectuosa con todos e todas aquelas que non comulgamos coa doctrina católica, ten exposto na entrada da Presidencia da Xunta.

A continuación reproducimos un extracto do escrito que lle presentamos ao presidente da Xunta:

Chega outro ano máis o Nadal, vén a época de cobrar a extra e mentres na Administración Xeral do Estado (coa que sempre nos compara vostede para o malo) das pagas extras só lle quitaron aquela de Nadal de 2012, na Xunta (e vostede como principal responsábel) deulles ademais por deixar de pagar as extras completas a partir do 2013 mesmo con carácter retroactivo, o que acabou nunha morea de reclamacións xudiciais.

Vostede ben o sabe e por iso anunciou tralo Consello do 11 de decembro que porá enriba da mesa 350 millóns de € para recuperar progresivamente a paga extra de 2012 e as pagas extras completas no 2018.

Como o que está facendo parécenos unha medida totalmente oportunista e populista de cara a galería electoral, nós facémoslle entrega duns cantos billetes de 200€ para completar as nosas extras. Non se emocione, son billetes falsos, falsos como todas esas promesas que vostede nunca cumpre.

Non entanto, a vostede importaralle pouco que sexan falsos, sabémolo, xa que a pesar de que, tal e como ben di sempre, non é dos presidentes de comunidade autónoma que máis cobra,  vostede ten a casa pagada en Monte Pío, ten o teléfono e a luz pagada, ten as viaxes, as comelladas, en fin, vostede ten moitos gastos... pero todo pago. Pero iso si, polo ben de todos e todas as galegas.



Vostede é un funcionario en excedencia, imaxinamos que estará ao tanto de todos os retrasos sobre os concursos e promocións internas que non sacan nunca, ou desa Lei de Medidas de 2012 que tiña unha previsión de dous anos e segue en vigor. A súa comprensión cos que somos os seus compañeiros e compañeiras é infinita...

Nos billetes aparece a súa faciana retratada nel, non o tome a mal, non queremos que ninguén o confunda cun real, non é a nosa intención. O que queremos é recordarlle que as promesas hai que cumprilas, que hai que falar menos e facer máis, así que até que non vexamos os cartos que nos debe vostede non creremos nada do que nos di, pois en catro anos , até o 2018, poden mudar moito as cousas.

Non máis, señor presidente, simplemente lembrarlle que dende a CIG seguimos reivindicando as pagas extras completas e a recuperación salarial e non nos esquecemos de vostede.


POR UNS SERVIZOS PÚBLICOS, GALEGOS E DE CALIDADE




1 comentario: